Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Carta arousá aos Reis Meigos

A noite pasada é unha das máis especiais do ano, sobre todo para os máis cativos, pendentes de erguerse esta mañá e ver que agasallos lles deixaron os Reis Meigos. A tradición de facer agasallos vénnos das culturas máis antigas. Gregos e romanos facían regalos como xeito de respecto cando recibían aos hóspedes, e que tiña como obxectivo último afastar aos malos espíritos. Tanto a literatura clásica grega como a romana recollen nas súas obras a transición deste tipo de agasallo a un obsequio que forma parte dun deber ou dun ritual con carácter relixioso ou social. Tamén a tradición pagana recolle que, con motivo do solsticio de inverno, os patróns daban un agasallo aos seus subordinados para comezar o ano con bo pé.
A chegada do cristianismo, tan integrador nuns casos e tan excluínte noutros, incorporou estas prácticas á celebración do Nadal. Así, a tradición recolle que tres vellos sabios, chegados de Oriente, agasallaron a Xesús con ouro, incienso e mirra.
Si os arousáns de hoxendía tiveran que escribir unha carta peticionaria aos Reis Meigos, dun xeito colectivo, convertirían a súa epístola nun gran relatorio de necesidades que, pese ao paso do tempo, perduran case que a perpetuidade, independentemente de cal sexa a cor do partido político que os goberne en cada etapa e momento.
Aínda que non queremos dar unha imaxe de pedichóns, ou dun concepto das administracións públicas como elementos arbitrarios que conceden, ou non, dádivas aos seus aministrados, si que temos que dicir que ás veces os cidadáns vemos esta circunstancia dun xeito similar xa que moitos dos proxectos se concretan máis pola acción subxectiva dos políticos dominantes que pola obxectividade en sí das necesidades da poboación.
Así, en Vilagarcía os usuarios da sanidade pública seguen a suspirar por unha solución para o ambulatorio de San Roque que, cada vez quédase máis cativo e obsoleto fronte ás necesidades dos cidadáns. Atopar unha ubicación na antiga Comandancia de Mariña ou no ruinoso cuartel de Benemérita estase a converter nun motivo máis de esperpento, precisamente cando acabamos de conmemorar o 80 aniversario do pasamento do pai desta disciplina literaria, o vilanovés Ramón María del Valle-Inclán cuios restos descansan no cemiterio compostelán de Boisaca.
Precisamente os vilanoveses pechan o ano cun contratempo inesperado, como a paralización das obras do auditorio no Esteiro, un proxecto longamente agardado e que ía camiño de dar forma ao reivindicado “teatro Valle-Inclán”.
Pero se unha petición leva demasiado tempo agardando unha solución definitiva esa é a de poñer fin ao desemprego que afecta dun xeito estrutural a toda a comarca arousá que ve como a teórica saída da crise segue sin ofrecer unha alternativa laboral digna e estable, ou non?