Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Cans, escrito con maiúsculas, si. Falamos da pequena localidade do Val da Louriña que reta, co seu festival de cine, á mítica Cannes da costa mediterránea. O feito da semellanza fonética de ambas as dúas toponimias facilitou a cousa. Sen complexos. Fronte á fascinación gala, retranca galega e ambiente de festa rachada. Fórmula máxica que nunca falla. Diante da longa traxectoria do certame da Riviera francesa, posta en valor da imaxinación e o máximo atrevemento. Con ou sen permiso, faltaría.
Escribimos cans, en minúsculas neste caso, para sinalar esa certeira imaxe que promove a edición “unha ducia”. Así, unha ducia, fora os números ordinais. Aquí todo vai de creatividade, é a súa grandeza diferencial e máximo activo. E claro, non podía faltar o can, multiplicado por doce; e dicir, unha ducia de cans que, pola lóxica do funcionamento da memoria humana, vai asociada á mesma cantidade de ovos nun deses cartóns adaptados que forma parte da icona clásica dos deseños industriais. Velaí, unha caixiña con doce ovos, combinados entre brancos e amarelos nun aceno á pluralidade, con can tatuado. Lóxica elemental, sabio deseñador. Un cartel de cine.
Porén, para cartel a programación que convoca aos devotos que profesan un verdadeiro movemento de fe para con este evento cultural atípico. Seareiros que viven un acontecemento único e auténtico arredor de propostas que fan mofa dos tópicos que arrodean ese mundo de negocio e interese comercial da sétima arte. Se glamourosa é a típica imaxe da chegada de artistas a cabalo de coches fantásticos, na parroquia porriñesa vívese o agroglamour do alter ego: o chimpín. Nese mundo de artistas obsesionados por diferenciarse entre si, ¿quen pode presumir de viaxar nun vehículo así?. É unha experiencia que comeza a estar moi cobizada, máis a partir desta edicións que estreará o Muro dos Chimpíns coa colocación dunha placa de honra á memoria dos mellores. Será o paseo das estrelas locais. Ben o merecen.
Así é que, aínda existindo unha entidade asociativa e unha dirección estable para a organización da mostra, tamén colaboradores e patrocinadores fundamentais, a complicidade e participación das veciñas e veciños resulta imprescindible para dotalo dese ambiente de festa total e moito cine. Estrea de documentais, longametraxes, videoclips, audiovisuais e coloquios na Leira de Alicia; música, natureza e moito máis. Cans, aldea galega, é por días o “epicentro do terremoto cinematográfico mundial”.