O pavo de Obama
Para distraer o interese da opinión pública sobre as cousas importantes da súa difícil vida cotiá ou das inxustas e antipopulares decisións dos seus gobernantes, os técnicos da mercadotecnia política tiran da creatividade para actualizar o vello método romano de “pan e circo”, especialmente do segundo. E funciona, certamente. Casos hai a moreas. Mesmo constituíndo unha chocante contradición sobre o que se agarda de carga simbólica, e de seriedade, na imaxe do representante político. Moito máis, si se trata do presidente do estado máis poderoso na orde política mundial. Velaí, Obama recibindo a dous pavos, cos animaliños desconcertados, na mesmísima Casa Branca para decidir o seu “indulto” dunha morte que é segura para outros 45 millóns de conxéneres á hora de celebrar a tradicional comida de Acción de Grazas, acontecemento anual que forma parte moi destacada do ciclo festivo dos estados da América do norte, a partir dunha base de raíz histórica que nace coa chegada da riada de inmigrantes expulsados da Europa por causa de discrepancia política ou relixiosa.Porén, a intervención do primeiro mandatario dos Estados Unidos non é un xesto a favor dun mellor tratos aos animais, non. É un espectáculo, meticuloso e calculado, que busca a complicidade da cidadanía nun proceso de enredo que remata por aproveitar a favor da súa popularidade. Para acadar a máxima atención, e participación de base irracional, comeza por provocar unha selección de oitenta diferentes animais aos que se lles outorga unha certa personalidade equiparable á humana. Todos teñen un nome para ser identificados, nesa especie de transmutación, e van pasando diferentes fases de selección até que, finalmente, a pugna queda reducida a dous. Deste xeito lógrase proxectar a rivalidade divisoria e, ao tempo, de concentración do interese. A partires de aquí, coa activa utilización das redes sociais, vai cobrando máis e máis difusión o proceso. Finalmente, no momento álxido do enfrontamento, decide a escolla gañando a simpatía dos que apoiaron a esa ave. Ao tempo, para non perder a do outro bando, outorga tamén a benevolencia de deixar sen morte ao seu rival. Todos contentos. “Popcorn” e “Caramel” ao santuario iconográfico das marcas para facer negocio, operación implícita na mesma campaña. Fóra, presos no corredor da morte aos que non chega o indulto. E “inimigos” que se eliminan desde avións non tripulados, nun mortífero xogo de videoconsola a distancia.
