Ter un museo
No desaparecido Restaurante Chocolate de Vilaxoán, arredor da mesa na que compartían xantar tres destacados persoeiros do ámbito cultural galego, relacionados co Colexio de Arquitectos de Galicia, incubouse o Museo do Pobo Galego, herdeiro da tradición galeguista do Seminario de Estudos Galegos, que vai camiño de conmemorar o seu corenta aniversario. Efeméride pola que anda á procura de afiliar nova xente como socia, nunha campaña chamada “Teño un museo”.
Así, en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1976, constituíase a Asociación “Padroado do Museo do Pobo Galego”, có obxectivo de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos o seus ámbitos; e concretamente, crear e manter un museo ao servizo desta causa.Velaí a singularidade que marca a diferenza entre esta institución fundamental no patrimonio cultural galego que está no punto medio que vai dunha entidade totalmente privada a unha absolutamente pública, fórmula esta última que caracteriza a práctica totalidade das outras ofertas museográficas do país. Aquí, no MPG, certo é que se integran boa parte das institucións que traballan a prol da cultura de Galiza, un amplo número de especialistas nas distintas áreas da mesma e representantes das administracións públicas; vía pola que se recibe algo máis da metade do o seu orzamento anual que non chega a totalizar o medio millón de euros.
Por iso, a entidade asociativa que rexe o museo consta de tres clases de patróns: numerarios, institucionais e dos socios. Socios ordinarios, protectores ou patrocinadores. Máis dun milleiro de persoas cunha dupla función. A pequena contribución económica que axuda á financiar o museo; e, sobre todo, a proxección e penetración social que fai do MPG unha entidade de sona e coñecemento cidadá, para alén da cantidade de visitas anuais que se achega ao medio milleiro de concorrentes, situada entre as máximas que se acadan neste campo en todo o noroeste ibérico.
O Museo, fundamental para entender a cultura etnográfica galega, consta de salas permanentes dedicadas ao mar, aos oficios, ao campo, ao traxe, á música, ao hábitat e a arquitectura, á sociedade e á prensa e a imprenta. A iso, súmase a educación e acción cultural e o Instituto de Estudos das Identidades do Museo, que organiza foros sobre problemas candentes na sociedade. Un impagable labor, feito coa participación voluntaria de cargos directivos e colaboracións en seccións de arquivo e biblioteca. Grazas a eles é posíbel ter un museo modélico ao que asociarse.
