Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Morrer de éxito é morrer igualmente. Certamente é un xeito feliz de acabar, porén non deixa de producir o mesmo efecto que se a morte fose con outro estado de ánimo. Agora non vén a conto unha disquisición metafísica sobre un asunto que, con absoluta certeza, dá para moito de reflexión. Simplemente, vén a pelo do proceso que se abriu co resultado das pasadas eleccións municipais e autonómicas que produciron éxitos decisivos que agora precisan ser xestionados para atender ao mandado cidadán.
Velaquí a responsabilidade dos triunfadores que cobra máis transcendencia á hora de configurar maiorías que permitan gobernos alternativos ás situacións de absolutismo das que abusou, con prepotencia e soberbia, o Partido Popular. Fora das provocadoras manifestacións ou singulares propostas, públicas, feitas con cálculo á procura de aproveitar o lóxico balbordo xornalístico posterior ás eleccións, polo seu desconcerto, para ocupar unha cota de pantalla que perderán unha vez entren en funcionamento os novos gobernos. É tempo de prudencia, de administrar silencios e manifestarse con tino e intelixencia. Mais, tamén, de tomar decisións con sentidiño. Aquí tampouco cabe a estratexia, tirada do Código Mariano, baseada na máxima do fundador da orde dos xesuítas que aconsella “non facer mudanza en tempos de tribulación”. Por diante da porta pasa un vehículo que pode collerse, ou non. Velaí iso que os economistas chaman “custo de oportunidade”, collelo ten un prezo e perdelo outro distinto e imprevisible.
Estamos diante do tema central que vai caracterizar os movementos políticos nos días que faltan para escoller ás novas alcaldías, configurar os futuros gobernos municipais e pintar a cor das próximas corporacións provinciais.
Todo isto como parte da campaña, en marcha, das eleccións xerais que deberán celebrarse cara final do ano. Proceso no que estamos metidos de cabeza coa vista axexando aos movementos das diferentes forzas políticas. Para o caso das que están situadas á zurda do abano político, gañadores no cualitativo dos últimos comicios, a perspectiva de futuro apunta sólidas opcións de trunfo colectivo na misión de cambiar a este goberno, incapaz xa de alterar a dinámica de perda irreversible do apoio que a xente lle outorgara noutrora. Porén, ollo aos creadores de opinión pública, prestos a explotar calquera dos xestos, saídas de ton, desacordos e outras cousas que podan vender como desgoberno ou incapacidade de entenderse entre afíns. Sentido común.