Os malfeitores da CEOE
Outro esperpento máis neste país dos despropósitos: a patronal CEOE di que a reforma laboral quedouse curta e esixe ao goberno máis flexibilidade e rebaixar máis os salarios. Estes señores séntense seguros e protexidos por este poder político e lexislativo que non vai a ningures, lévannos ao desastre, a un túnel sen saída. Estes malfeitores pretenden a escravitude, coido que nin sequera iso, os escravistas de antano tiñan ao obriga de manter aos seus escravos. O indignante é que neste sistema neocapitalista salvaxe que padecemos temos que aguantar a estes “patriotas” de postal apodrentados que o único que saben e vivir de subvencións e explotación do ser humano.
Coido que o que queren e ter a toda a xente no paro e contratar a man erguida nas prazas dos pobos como facíase en séculos pasados.
Esta casta empresarial que temos nesta “marca España” é pura escoura. Non teñen integridade moral para dicir semellante barbaridade, cando nesa cova de serpes mantiveron unha morea de anos na súa presidencia ao “ presunto” corrupto (hoxe na cadea) Díaz Ferrán.
¿Para cando un ERE na CEOE, onde despídase sen ningunha indemnización a tanto malfeitor que atópase no cumio desa organización?.
¿ Ata cando temos que aguantar a estes dirixentes empresariais e os políticos que os apoian que nos levan nun rumbo de naufraxio? Non encanto, a verdadeira traxedia non consiste nos berros destes lacazáns e goberno déspota e autoritario, senón no silencio da xente que o está vendo e non se move.
De todo isto sácase unha conclusión moi clara, temos que volver a nacionalizar tódalas empresas de servizos e estratéxicas.
Estas grandes empresas teñen que estar ao servizo da sociedade e non para saqueala favorecendo os infames intereses duns poucos.
