DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS
Non, o título non está errado.É ben correcto, si, por máis que semelle trabucado por causa da inmediata conmemoración do Día das Letras Galegas, este así nomeado sen confusión na identificación popular. O último dos citados ten por data o 17 de maio namentres que o primeiro, para dotalo de personalidade de seu, fixa a efeméride para o 15 de agosto, festividade da Nosa Señora “das letras”. Convoca e promove a plataforma A Sega, colectivo feminino de voces individuais que se xuntan ao servizo da xente nun “cantar da sega” que se caracteriza polo exercicio reflexivo e responsable dunha lectura que poida orientar á comunidade que le. Así se manifestan nos seus principios.
A iniciativa busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. Sen cancelas. Se no pasado ano a homenaxe rendeu tributo á memoria de Dorothé Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego, agora veñen de escoller a María Victoria Moreno. Ambas as dúas teñen en común a súa veneración polo idioma e a cultura galega, bandeira da súa escrita, mais ter nacido fóra do noso territorio e formarse orixinariamente noutra lingua materna diferente. É así que, María Victoria Moreno, naceu en Cáceres para asentarse definitivamente en Pontevedra, cidade na que finou fai dez anos por causa dunha enfermidade inxusta. Tras licenciarse en Filoloxía Románica nunha universidade de Madrid, aquí chega para impartir aulas no ensino medio e facer militancia da súa identificación co noso país, de xeito tan intenso que toda a súa obra posterior está escrita en galego. Moi extensa e ampla, tanto pola cantidade de xéneros explorados coma polo número de títulos, acadou recoñecemento e premios ata converterse nun referente fundamental da literatura infantil e xuvenil.
As segadoras, coa escolla de María Victoria Moreno, suman fina crítica á polémica aberta arredor da decisión dos académicos da RAG coa selección de Xosé F. Filgueira Valverde como protagonista das Letras Galegas do presente ano. Non é a única iniciativa que pide unha mellora e posta ao día dunha conmemoración, útil e necesaria, que é a principal cita cultural galega pola dimensión literaria e social ou historia de seu. Desde o Foro E. Peinador chegan pedimentos para camiñar por novos vieiros, buscando outros sectores da sociedade máis alá do editorial. Actuación transversal a xeito da de Feiraco: un millón de cartóns de leite conmemorativos, en galego. Moi ben.
