CAMBADOS E A BALADA DO TROMPETISTA...
Non son poucos os que comparan os efectos dos resultados das eleccións municipais na provincia de Pontevedra cun auténtico “sunami” onde os peor parados foros os candidatos do Partido Popular. Agás no caso de Cambados, e tamén Ribadumia, no resto a sorpresa foi menor do esperado.
En Vilagarcía, agás Tomás Fole, todo o mundo facía apostas sobre cal podería ser o chan do Partido Popular. Uns opinaban que os 8 concelleiros, outros que 7 sería unha cifra axeitada. Tamén había a “versión talibán” que opinaba que o líder da formación da gaivota non pasaría dos 5 edís.
Pola contra, en Cambados, nin os máis pesimistas do PP se poderían imaxinar un escenario como o actual: Un Luis Aragunde que goza da simpatía e o recoñecemento da maioría dos veciños, pero que padeceu o “efecto Rajoy” dun xeito moi acusado. Baixar de 11 a 8 edís (a un da maioría absoluta) era unha posibilidade tan remota como que Miguel Ángel Pérez renovara goberno en O Grove despois do “affaire” do “non nato” PXOM. A incertidume sobre o futuro cambadés ante a constitución da nova corporación do vindeiro 13 de xuño vai en aumento a medida que van pasando os días. Na capital do albariño xa sabemos como as gastan e xa comezan a correr pola rúa os primeiros ruxe-ruxes relacionados co día de San Antón (xa saben o que dí o refrán: 17 de xaneiro, San Antonio verdadeiro, 13 de San Xoán, San Antonio mentirán…). Precisamente unha das romarías que se celebran en A Modia, parroquia de Vilariño, lugar onde naceu o líder de Cambados Pode, José Ramón Abal Varela, tenlle unha grande devoción a San Antón, pero non o do 13 de xuño, o mentirán, senón ao do 17 de xaneiro, San Antonio verdadeiro.
Tamén é coñecida a afección dos veciños de A Modia polas tradicionais “poxas” dos galos e dos pezuños de porco que os fieles, coa intención de obter algunha indulxencia ou dádiva do santo, doan á Igrexa para a súa posterior subhasta.
De tódolos xeitos, José Ramón Abal, líder de Cambados Pode, químico e amante da boa música, como experto trompetista ten agora a difícil misión de interpretar diante do seu público un so de trompeta, que pode converterse nunha homenaxe a Louis Armstrong, ou transformarse, como naquela tola película de Álex de la Iglesia (Balada triste de trompeta) nun paiaso vingador… ou non?.
