MALES E REMEDIOS
Amorte de Margaret Thatcher rescatou das hemerotecas a outros coetáneos políticos que permanecían no limbo, algúns por causas naturais como Reagan, outros por motivos xudiciais como Helmut Khol, tamén por ostracismo como Gorvachov, e os máis deles que afloran en primavera, imitando ás espadanas de Doñana, como Felipe González. Calquera deles, aos que hai que sumar aos perennes Walesa ou Xoán Paulo II, e aos que pasaban por alí, como artífices da caída do comunismo no mundo ou, cando menos, en Europa, visto que a China segue no réxime ao igual que Corea do Norte.
Os sistemas políticos derrúbanse polo seu propio peso, a non ser que estean ben instalados na infraestrutura do Estado, como aconteceu no territorio español onde se pasou páxina e se instaurou un sistema sobre as estadas do anterior, de tal modo, que só a natureza vital foi relevando a uns por outros. Cada vez que xorde un problema na capital do Reino, apélase ao cacarexado espírito da transición, que non sei moi ben o que é, pero debe significar algo así como “veña, home, deixa estar”, que dicimos por aquí.
Unha das industrias máis punteiras de Galicia durante a ditadura, na transición e até a caída do muro de Berlín foi a do contrabando, xa fora café de Portugal ou tabaco rubio. Era un negocio que a sociedade toleraba porque por aquí non había case de nada e creaba emprego e riqueza, como se diría agora. Era habitual que cando un barco chegaba a porto os carabineiros acudisen en masa a controlar á tripulación que baixaba cargada de Winston, radiocasetes, televisores e alcol. O máis frecuente era deixar unha caixa de Chivas aos vixilantes, que miraban para outro lado cando se introducía o material no Seat 124 que viña recoller ao mariño que arribaba de vacacións con encargos para toda a familia.
Este contrabando polo miúdo non era enriquecedor, pero si civilizou e globalizou a moitas familias. Porén, outros construíron imperios económicos co transporte ilegal do tabaco e a sociedade galaica miraba para outro lado, porque investían o diñeiro nalgunha que outra industria para lavalo, así empregaban a trinta ou cen persoas que ían para á rúa aos poucos meses, cando se pechaba o negocio unha vez que xa estaba todo limpo. Pero mentres eran empresarios de éxito, estrelas do cinema, a quen lle construían estradas. Pasar do tabaco á droga só era cuestión de tempo.
Os pobos de Galicia enchéronse de drogadictos dun día para outro. Foi lamentable ver como os traficantes vendían os estupefacientes aos veciños, a esas persoas que viron como a sida, que nin se sabía o que era, comezou a espallarse polas aldeas, vilas e cidades. As nais dos rapaces afectados foron as que verdadeiramente alertaron do problema e ninguén as vai recordar, cando teñen máis mérito que a Thatcher.
