De celebracións e de culturas
Fai poucos días, almorzabamos coa nova de que fora a fin de semana onde menos xente acudira ás salas de cine do país, confirmando así un descenso continuado que empezou coa implantación do IVE do 21 % nun producto, o cultural, que tiña que ter unha consideración diferente á da simple mercancía. No Día do Libro, as pequeñas librerías queíxanse da competencia desleal e da dificultade extraordinaria de sobrevivir nunhas circunstancias onde a Cultura é dos primeiros gastos que a cidadanía elimina e non por desinterese, senon por mera necesidade de axustarse nos gastos. A suba do IVE tamén incide nun sector, que ven ferido de gravidade. As editoriais sofren o mazazo da reducción de vendas e a expansión continuada dos libros electrónicos, coa variedade de formatos e soportes, e o atractivo do almacenaxe e das reduccións de custes. O Teatro coñeceu ,claramente, tempos mellores e na nosa terra, as pequeñas compañías sofren o recorte dos convenios públicos, que aportaban financiación para poder traballar e lles permitían encher os auditorios municipais e fomentar o lecer e a cultura como valores dunha sociedade que apostaba pola formación e a promoción das nosas letras e dos creadores universais. As Galerías de Arte pechan. Os artistas volven a ter unha certa capa de invisibilidade social. As Caixas e Bancos, retiran moitos patrocinios, e desandan un camiño que fixera deles referentes sociais, dun tempo onde a Arte era tamén inversión e prestixio. Voltamos a unha Cultura inaccesible; ao alcance de moi poucos. Un novo chanzo na escaleira da ruptura social, dos desequilibrios. De novo, tamén no disfrute da Cultura, máis diferentes.
