ANIMALIÑOS CON ROUPA
Proposta liberal para cadrar o déficit: “Os vellos que non sexan produtivos deben ir pensando en morrer, e facelo sen demora”. Iso ven de dicir Taro Aso, un ricacho que ocupa o Ministerio de Economía e a Vicepresidencia do Xapón. Antes foi Primeiro ministro, cargo no que non aguantou máis dun ano. Ideas claras e declaracións a cara descuberta. Sen eufemismos, para que quede claro. E concreta, “así reducirase o gasto médico pagado polo Estado”; e, tamén, as pensións que aínda teñan por cobrar. Un plan perfecto. Dez sobre dez. O sistema médico ten que mudar para que a “xente do tubo”, é como el chama aos enfermos maiores, no canto de ocupar cama nos hospitais pase xa directamente ao cadaleito. Os seus correlixionarios de partido alporizados por tamaña animalada non tardaron en matizar intentando modificar a interpretación do dito por esta figura. Mesmo chegaron a insinuar que o tal individuo, quen curiosamente ten xa setenta e dous anos, anda algo senil. Nun país no que a cuarta parte da súa poboación supera os sesenta anos, esta impertinencia é considerada como un chamamento ao “haraquiri” do cativo benestar social. Mais e todo, realmente amosa a verdadeira faciana dos proxectos impulsadas polo seu goberno. Os mesmos que rexen na Hispania nostra. Nas normas e regulamentos administrativos deberían rotular “as autoridades advirten que as políticas económicas poden matar” dun xeito idéntico ao que poñen nas caixiñas do tabaco.
Aquí, nas terras da Gallaecia, prodúcese unha situación semellante a respecto da lingua milenaria que outorga identidade cultural de pobo diferenciado. O noso Taro Aso ben puidera ser o Concelleiro de Tráfico e outros asuntos en Vilagarcía ao manifestar que “hablo gallego cuando me sale de los puntos suspensivos”. O bilingüismo harmónico da Xunta en estado puro. A vontade de cumprir a legalidade sometida ás hormonas xenitais. Unha arroutada que aumenta a lexitimidade e multiplica a razón dos milleiros de galegos e galegas que, superando as inclemencias do tempo invernal, ateigaron as rúas de Compostela o pasado domingo para pedir a “a inmediata derrogación do decreto do plurilingüismo que aprobou a consellaría de Educación tan pronto puxo un pé na Xunta, en 2009; e a Lei de mellora da calidade educativa, que vén de Madrid e outorga máis importancia á relixión que ás linguas propias”. É o “haraquiri” para idioma galego.
Tema serio, moi serio.
