Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Precisamos algo máis que chapa e pintura

Os dous terzos dos votantes solicitaron a través das urnas un xiro a esquerda na política municipal. Acabamos de pasar unhas eleccións municipais,  e no concello de Vilagarcía a gran maioría da cidadanía votou polo cambio.
En Vilagarcía de Arousa a cidadanía, diante das políticas impostas polo PP que nos sumiron nunha situación social dramática, ten solicitado a través das urnas un cambio nas mesmas por outras que atendan as demandas sociais e muden as condicións tan dramáticas nas que viven milleiros de familias do noso Concello.  
            En Vilagarcía ao dia de hoxe, vivimos unha situación onde soportamos os maiores índices de desemprego e a situación de exclusión social é moi alta; onde os nosos sectores produtivos esmorecen e a nosa xuventude vese na obriga de emigrar; vivimos nun concello onde o rural sufre un total abandono, cos seus centros sociais en estado lamentable, mesmo encóntranse algúns deles en estado de “ruinoso”; o aceso e o estado dos centros de ensino en moitos casos en situación terceiromundista, a cultura ao igual que a nosa xuventude sen apoios, o noso patrimonio e a nosa lingua en continuo retroceso, o pequeno comercio e a pouca industria en situación de emerxencia, o aforro enerxético e o medio ambiente como temas pendentes... en definitiva unha situación totalmente desastrosa como consecuencia das políticas  de dereitas, aplicadas polos distintos gobernos. Un  panorama que fai do noso concello un lugar que precisa dunha actuación urxente, dirixida a actuar sobre o miolo destes problemas, e que realmente mude esta situación.
Por outra banda, non se nos pode escapar que para pór en marcha e levar adiante as distintas actuacións é preciso duns orzamentos e dedicar as partidas necesarias para cada un destes apartados. Precisamente no noso concello atopámonos nestes momentos diante das distintas propostas para a súa elaboración.
É o momento pois, de mostrar a vontade real de facer unha nova política e de atallar e dar solución a estes problemas que padece o noso Concello. É hora para que o actual goberno mostre  realmente a súa vontade de cambio e de mudar as cousas como o ten demandado a cidadanía.
Dende o BNG  entendemos que neste concello non nos podemos permitir que a taxa de paro sexa das máis elevadas de Galiza,  e que mesmo a lideremos dentro da xuventude. Non  podemos permitir que os nosos sectores produtivos, o noso comercio e a nosa industria sigan  a esmorecer, sen que se faga nada por evitalo; Tampouco  podemos permitir que o rural siga  afastado e no seu actual estado de abandono, Precisamos duns orzamentos  que atendan  todas as necesidades en materia de servizos sociais; é tamén necesario un maior fomento da  cultura, do noso patrimonio e da nosa lingua; é preciso potenciar o deporte base, tamén o aforro enerxético; atender as necesidades en infraestruturas,  saneamento, mobilidade, humanización,...
Atopámonos pois, no momento  da verdade e o novo goberno ten na súa man limitarse a unha operación de reparación de “chapa e pintura” ou de tentar incidir e cambiar esta situación actuando sobre a raíz dos problemas.
Para a nosa organización é fundamental que estes orzamentos actúen de forma clara e contundente para cambiar o rumbo e o estado das cousas, e sexan encamiñados a dar solución a estes graves problemas que esta a padecer a cidadanía do noso concello. Para o BNG deben ser uns orzamentos que fagan o esforzo necesario  para dar solución aos temas fundamentais,  que esta a reclamar a cidadanía. Apostamos polo tanto por ir a raíz  e non quedar na mera maquillaxe.
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.