O efecto fatamorgama
Estamos no tempo do Samaín, milenaria festa de aninovo celta coa que se inauguraba a estación escura que ocupaba os seguintes seis meses. Celebración de colleitas e memoria dos mortos, hoxe transformada no artificioso Halloween dos fantasmas, terror e medo. Da tradición ao negocio. Unha mostra máis de cómo a convivencia entre culturas vai tomando, e adaptando, vellos mitos aos novos tempos. Niso, o celtismo é un filón. Xunto ao dito, véxase outro caso do que tiraremos reflexión política. Na lenda do Rei Arturo, a súa media irmá Morgana tiña sona por ser unha fada misteriosa e cambiante que provocaba efectos ilusorios. Co paso do tempo esta figura permitiu definir un fenómeno meteorolóxico apreciado, por vez primeira, nas costas de Sicilia. É o efecto fatamorgana, percepción dun espellismo, contrario ao real. Típico ver, na agotadora travesía polo deserto, un oasis onde non hai máis que area. Ou apreciar, na longa navegación oceánica, unha illa pantasma no lugar da masa de auga. E dado que o tal efecto pode ser inferior e superior, nesta última categoría cabe ver voar barcos, a xeito de “O holandés Errante”; por maldición, sempre vagabundo. Logo de escoitar a Rajoy, na última sesión de control parlamentar, dicir que “xa non navegamos sen rumbo, agora podemos ollar terra firme”; de primeira impresión estamos diante da adaptación política do efecto fatamorgana. Afirmación que é puro espellismo, falsa ilusión óptica, á respecto da realidade que padece a cidadanía. Porén, o Presidente non é un camiñante do deserto ao bordo do desmaio, por máis que ás veces pareza tal, non. Esta achega no seu lapidario de frases singulares é un slogan máis que ven a reforzar ese mantra que di “ver luz ao final do túnel”, auténtica campaña de publicidade para ministros e acólitos, sen base nin sostén no certo.
Mentireiros, irresponsables e desalmados que levaron á miseria aos máis desfavorecidos e esmagado á clase media con impostos inxustos. Festexan con descaro o engano a un pobo ao que non só non sacaron da recesión, senón que o levaron ao bordo dunha deflación que traerá máis pobreza, dor e bágoas. Tramposos. As cifras do suposto aumento trimestral do PIB, caendo o 98% dos seus compoñentes, coa destrución de 70.000 empregos é un incompatible matemático. Razón tiña Trinchet, expresidente do BCE: “as estatísticas españolas son difíciles de crer”.
