DE REFLEXIÓNS E DISCREPANCIAS
Discrepo daqueles que, en base aos resultados electorais, anuncian a chegada da fin do mundo. Aínda que só sexa a fin do mundo occidental, segundo a teoría Aguirrista. Discrepo dos que falan do valor terapéutico da maiorías absolutas, e confío na bondade e na importancia de acordar e pactar para ampliar a escala da toma de decisións. Discrepo dos que só ven o perigo nas siglas dos demais, e non ven a perda de identidade, a corrupción e o a falla de humildade, no propio. Discrepo tamén das supostas bondades dos grandes gobernos de concentración, salvadores de non sei que causas, cos que algúns soñan e claman no deserto. Creo na dialéctica e na oportunidade de construír dende os novos supostos. Na importancia de tender pontes, e de escoitar o que os demais consideran importante, para seguir avanzando. A realidade é como é, e a cidadanía puxo a cada quen no seu sitio. Cunha rotunda mensaxe: falade e acordade, construír novas maiorías e xestionade a diversidade en beneficio de todos. Incluso Rajoy tivo recoñecer cambios, pola forza. Despois de negar a maior, e espetar ( a modo de escudo) que eran o partido máis votado, tivo que desfacer o camiño da negación, para afrontar a dura realidade da mensaxe electoral. Agora, a pluralidade de opcións nacidas do descontento, do sufrimento dunha poboación debilitada en recursos e dereitos, abren un escenario diferente,de diálogo entre forzas que teñen, necesariamente, que acordar e consensuar. Cada tempo e cada crise é sempre unha oportunidade. O pobo falou ben alto. Os partidos políticos deben traducir esa mensaxe ao seu campo de acción, para poder recuperar a confianza na transparencia, na honradez e na eficacia dos gobernos.
