Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Baixar dos 5.000 veciños, obxectivo de David Castro

É que non se me ocorre outro motivo. Só pode ser iso, que David Castro, o alcalde sen competencias, teña como obxectivo que Ribadumia baixe dos 5.000 habitantes.

Logo de gastar case corenta mil euros no parque infantil da escola de Lois, resulta que o goberno local NON apoia a campaña do CRA e da súa ANPA para lograr o mínimo de matriculas para evitar o seu peche, dálle as costas por completo e, mentres outros concellos como Meis se mobilizan, o noso alcalde cala;  e por suposto ignora as nosas propostas para complementar as escolas unitarias cos mesmos servizos que ten a de Barrantes.

A falta de apoio ao CRA non é única pista de que o alcalde quere unha baixada de categoría como municipio. O desinterese polo colexio de Barrantes ou polos problemas do centro de saúde son outra proba manifesta. E hai máis. O concello está paralizado, sen medidas de ningún tipo para loitar contra a baixada de veciños. Mentres en concellos como Cambados atraen a empresas que xeran emprego, en Ribadumia non se move unha uña por recuperar os terreos do polígono baleiros, nin por facilitar a instalación de empresas, non falemos xa de apoiar ao agro.

No mandato anterior logramos que se aprobara un plan de apoio á contratación e aos autónomos, unha loita que gañamos só en parte, porque o plan aprobado non era o noso senón unha chapuza da concelleira de Contas que, como ela mesma predixo, fracasou.

Pero era un plan, e como tal pódese rectificar e transformar nalgo útil para Ribadumia. Pero non hai vontade. Como tampouco a hai por lograr que a construción de vivenda se recupere e poder estabilizar poboación, nin por apoiar a vida no rural. Ultimamente nin sequera se coidan as instalacións municipais.

E para colmo, en lugar de solucionar os problemas de circulación e aparcadoiro de Barrantes, chama á Garda Civil para que veña poñer multas, e logo inda as garda un tempo para mandalas por lotes e que o golpe sexa maior. Non imaxino mellor maneira de animar á xente a marchar vivir a outro lado.

David Castro quere que baixemos dos 5.000 habitantes, e leva trazas de conseguilo. Pero  por que ese interese?

*Voceiro de Somos Ribadumia.