Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Es Evangelii Gaudium ou “A ledicia do evanxeo”, para os que non teñan coñecemento do latín, idioma morto mais non enterrado que se presta moi ben para dar nome aos documentos eclesiásticos. Impactante, enigmático e sonoro, atributos que axudan a súa difusión. Porén, con este título o Papa Francisco ven de emitir unha longa exhortación apostólica que, vista, non precisa de aditivos para que produza un efecto de reflexión na opinión pública mundial. É un compendio de doce ducias e media de páxinas que van na liña do politicamente incorrecto. Iso si, certeiras na análise da crúa realidade actual, do mundo e da mesma Igrexa.
A comezar pola avaliación do sistema capitalista, as políticas neoliberais e o inxusto reparto da riqueza que, no texto papal, considera que “o actual sistema económico non só é inxusto na súa raíz, tamén “mata” porque predomina a lei do máis forte”. Bergoglio vai máis alá criticando a quen “aínda defende a teoría que supón que todo crecemento económico, favorecido pola liberdade de mercado, permite acadar por si mesmo máis igualdade e inclusión social”. Para el, non é así se non que “vivimos na idolatría do diñeiro” e isto trae como consecuencia “unha corrupción ramificada e unha evasión fiscal egoísta que ten dimensión mundial”. Lamenta que mentres “os beneficios duns pouco medran desproporcionadamente, os da maioría social fican cada vez máis lonxe do mínimo necesario para o benestar básico”.  Ese desequilibrio social “ven da ideoloxía que defende a autonomía absoluta dos mercados e a especulación financeira”. E pide, dos políticos, reformas en profundidade do actual sistema en base a ética porque “o diñeiro debe servir e non gobernar”.
O primeiro mandatario da Igrexa católica dálle un recadiño aos medios de comunicación, rebelándose a que “non sexa noticia que morra de frío na rúa, unha persoa maior sen teito, e que pola contra se faga titular dunha caída de dous puntos na bolsa de valores”. Considera unha mostra de exclusión social coa que se crea unha cultura que, entre outras cousas, non dé importancia a “tirar comida cando hai xente que pasa fame”. Ve, neste sistema de valores unha consideración do “ser humano en si propio como un ben de consumo que se pode usar e logo tirar”.
O prelado dignifica á política e pide máis líderes “a quen lles importe de verdade os probes”. Exhorto necesario, valente e útil.