CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
A sociedade dista moito de ser igualitaria. A pesar dos avances sociais e a copiosa lexislación, hai unha parte da sociedade que sofre máis, e ten máis barreiras, ca outra. Hai quen se considera cuns dereitos sobre o outro que nin as leis, nin a realidade lle outorgan. E exhiben unha superioridade e unha crueldade intolerables. Non é un fenómeno illado, nin social nin xeograficamente falando, por desgraza a infamia non coñece fronteiras, relixións ou razas.
Mulleres que morren a mans das súas propias parellas.Non hai peor violencia que aquela se se exerce de portas para dentro dun fogar. Aquela que se escribe entre as catro paredes do que debera ser un refuxio, e sen embargo,convértese nun campo de batalla, nunha trampa mortal, onde as vítimas sempre son as mesmas. Do mesmo xénero. A que se fai amparada no silencio, e xera a quebra da autoestima e da vontade das que sofren, física e psiquicamente a dor, a humillación e o desprezo continuados.
A chamada Lei contra a Violencia de Xénero, creada no primeiro Goberno de Zapatero, foi un avance notable na loita e na visibilidade dun problema, que pon un borrón inmenso nunha sociedade que dicimos preparada, avanzada e aberta. Non é a solución, pero é un importante paso na dirección axeitada para devolverlle a dignidade a quen lla roubaron, e sancionar a quen comete a indignidade e o delito de maltrato. Queda moito por facer, pero eliminar os CIM, reducir partidas de prevención e a rede de apoio ás mulleres maltratadas, non só non axuda, se non que supón unha inxustificada volta atrás.
Cada 25 de Novembro: conciencia, compromiso e condena da violencia de xénero.
