Máis iniciativa privada
OGoberno ratificounos este día que o desemprego e, xa que logo, a cohesión social, o crecemento e mesmo o sofrimento das persoas non son as súas prioridades. Rajoy, ao tempo, ratificou que non ten un relato para promover nin a actividade económica nin o emprendemento. Demóstrase nidiamente que a dereita é remisa a confiar na inicativa privada e social e non ten un plan para os emprendedores.
Ás veces, abusamos ao fiarmos a recuperación ao emprendemento empresarial privado. Agachar subemprego baixo a apariencia de supostos autónomos ou enfrontar a aventura de fundar unha microempresa sen unha formación en xestión empresarial é sen un financiamento é a crónica dun fracaso anticipado, que pode deixar unha lousa por moitos anos. Mais certo é que vivimos nun sistema político-institucional e nunha sociedade refractaria ao emprendemento. Refractaria á creación e ao mantemento do emprego é tarefa das pemes.
Un clima favorábel para o emprendemento require dun pulo público no acceso ao financiamento, avantaxes fiscais (adiantar o IVE non cobrado e as altísimas cotizacións sociais afogan o emprendemento), recursos que faciliten os primeiros tempos (partillando estruturas para aforrar custos) e unha modificación da lexislación concursal que permita ao emprendedor pechar un fracaso empresarial non intencionado para reinsertarse social e laboralmente sen necesidade de vivir á marxe da actividade económica legalmente regularizada.
Porén, os partidos do bipartidismo enchen a boca falando de emprendemento cando desenvolven de feito unha política que liquida as posibilidades de supervivencia das pemes, como fixeron cando aprobaron en 2011 unha reforma constitucional que prioriza o pagamento da débeda ás políticas de pulo ao crecemento. Mais tampouco as outras dúas forzas presentes no Parlamento galego semellan ter un relato para xerarmos máis e mellor iniciativa privada e social na nosa actividade empresarial. Unha iniciativa que require dunha fonda remuda na mentalidade social imperante na Galicia.
