O BNG E O MODELO PONCIO PILATOS
A medida que avanzan os días, parece máis claro que moitos dos alcaldes en funcións do PP deixarán de selo. A patada electoral a Rajoy no cú dos rexedores populares deixouse notar dun xeito especial na comarca de O Salnés, feudo tradicional do partido da gaivota. Ademais da previsible derrota de Tomás Fole e Miguel A. Pérez en Vilagarcía e O Grove, respectivamente, agora tambaléanse as opcións de goberno na emblemática Ribadumia e na mítica Cambados. Só ten claras opcións de goberno onde ten maioría absoluta lograda de xeito moi traballado, é dicir, en Meis e en Meaño. En Vilanova impera o modelo Gonzalo Durán, inimitable e inexportable; mentras que en Sanxenxo ao berro de “todos contra Telmo Martín”, un cuatripartito está disposto a evitar que se poda demostrar que segundas partes puideran ser boas. Entre os xuramentados atopamos nesta ocasión a un BNG descoñecido, un tanto “pasota” e deixando aos outros facer. Desde logo os nacionalistas non están no seu mellor momento, pero tampouco están exentos de ter obriga de exercer con responsabilidade a representatividade que a cidadanía lles concedeu nos pasados comicios municipais. Así, parece que a tónica dominante pola que están avogando as “asembleas abertas” é a de facilitar investiduras de candidatos alternativos ao Partido Popular, pero non entrar a formar parte dos novos gobernos que saian despois do 13 de xuño. Parecera como que o BNG nesta ocasión, decidira poñerse de perfil e non optar por tomar partido activo nos designios directos das novas corporacións. Hai quen o interpreta como una sabia decisión xa que, por experiencias pasadas, queixábanse de que estaban cansos de ser o motor dos gobernos municipais (poñer o lombo para tirar do carro…) e ser despois os que pagan o “pato” electoral ao visualizarse moi pouco a súa acción de goberno e favorecer ao partido do alcalde de turno (normalmente ao PSOE). Por outra banda, tamén se están a escoitar comentarios acerca de que o novo modelo “Poncio Pilatos”, aquel consistente en “lavarse as mans” do que suceda para, precisamente, telas limpas de cara ao futuro, pode darlle un maior rendemento político e electoral. O problema é, que igual na hipotética caída dos gobernos alternativos ao Partido Popular, non lles acabe pasando factura, aínda que sexa en diferido, e o electorado considere que do PSOE cara á esquerda, tódolos gatos son pardos, ou non?.
