Sexamos prácticos
En Vilagarcía hai moitos anos que sufrimos a precariedade dun centro de saúde que se quedou pequeno e obsoleto hai décadas. E aínda que a construción dunha nova infraestrutura vénse reclamando hai moito tempo dende o Concello -coa excepción dos anos do PP na Alcaldía, nos que non se moveu ficha- a Xunta segue sen atender unha demanda básica para máis de 47.000 vilagarciáns. E mentres, o tempo pasa e a situación agrávase día a día.
Grazas ao goberno presidido por Dolores García e do que formaba parte o BNG, en 2009 conseguiuse que a Consellería de Sanidade e a Autoridade Portuaria, presidida por Javier Gago, asinaran un acordo para a cesión do solar da Comandancia co obxectivo de que a Xunta do bipartito PSdG-BNG construíse o centro de saúde que Vilagarcía xa entón precisaba.
Foi un gran paso, unha decisión moi aplaudida pola cidadanía que, lamentablemente, o retorno do PP ao goberno autonómico, ao Concello e á Autoridade Portuaria, impediu que se fixera realidade.
Coa saúde non se xoga. Consecuentemente, a sanidade tampouco debe ser un tema a utilizar con fins partidistas. Polo menos, non debera. Por iso clama ao ceo que na Corporación existan grupos veleta –PP e EU¬- que en 2010 apoiaron no Pleno reiterar a construción dun novo e máis amplo Centro de Saúde na Comandancia, e que a semana pasada votaron en contra dunha iniciativa similar. A moción aprobouse co voto de calidade, certo, pero os acordos plenarios deben respectarse, guste ou non (principio básico do sistema democrático). E pese a todo, o voceiro do PP, designado polo Concello para defender os intereses do municipio ante o Consello de Administración do Porto, anuncia ufano que non defenderá o mandato do Pleno, que representa a vontade de todos os vilagarciáns. Vese que non aprendeu nada en maio!
Volvendo aos grupos veleta: Que cambiou para semellante contradición? Pensan que xa non fai falta un centro de saúde, moderno e máis grande? Ou cren que non é urxente e, polo tanto, podemos aguantar así unha ou dúas décadas máis?... Porque estas son as conclusións que se sacan das escusas coas que PP, EU e Somos trataron de xustificar o voto en contra da moción que esixe o cumprimento do protocolo de 2009 e reitera o acordo Plenario de 2010.
Escusas facilmente rebatibles, como a de Somos sobre a “nula accesibilidade” do solar da Avenida na Mariña. A Gaspar pregúntolle si é máis accesible o tránsito de vehículos ao ambulatorio de San Roque, ao pe dunha travesía principal do municipio (Pontevedra-Santiago) e cunha elevada densidade de tráfico, que á Comandancia, situada nunha rúa secundaria que conta nas proximidades con grandes bolsas de estacionamento público (TIR, Ramal, Praza de Abastos) e privado (Cavadelo e Muelle); á que se pode ir facilmente a pé e por rúas maioritariamente peonís dende calquera punto do casco urbano; e coa parada de autobús do Cavadelo ao lado. Unha característica esta que, ademais de facilitar alternativas ao vehículo privado, proporcionaría aos veciños de Vilaxoán, Carril e zonas intermedias, poder desprazarse en autobús, servizo do que carecen na actualidade para acudir ao centro de San Roque.
Respecto a desprazamentos de urxencia ao Hospital, obviamente serán máis rápidos e directos por Valle Inclán, Pablo Picasso e vial do Porto que pola transitada e urbana Avenida de Pontevedra.
Fora de lugar -a non ser que se queira eternizar a construción do novo Centro de Saúde-, son tamén as ocorrencias de PP e EU. Que sentido ten propoñer a adquisición de terreos noutro lugar para o ambulatorio? Iso, aínda no caso de que resultase viable economicamente para o Concello, QUE NON O É –que lle pregunten ao Sr. Fole que presume de coñecer a situación das arcas municipais- demoraría a materialización do proxecto con negociacións, cambios no PXOM ou expedientes de expropiación que tamén habería que indemnizar.
Igual de inoportuna é a idea destes grupos de ampliar o ambulatorio de San Roque cos terreos do Cuartel da Garda Civil, implicando tamén así ao Ministerio do Interior e complicando máis a tramitación. Case podería estar ben si o novo Cuartel estivera construíndose ou, cando menos, aprobado o seu financiamento. Pero como non o está, de optar por esta alternativa, o novo Centro de Saúde non o verían nin os nosos netos.
Existe un protocolo no que o Porto se compromete á cesión gratuíta da Comandancia (levantada en terreos públicos de Vilagarcía) e a Consellería a construír o centro de saúde. Solo temos que esixir que se cumpra e os terreos estarán dispoñibles de inmediato para que a obra comece canto antes. Deixemos de enredar a madexa, que estamos a falar da prestación de servizos sanitarios básicos para todos os vilagarciáns!
Por unha vez... sexamos prácticos.
*Concelleiro do grupo de goberno socialista en Vilagarcía
