KEYNES XA NON APORTA SOLUCIÓNS
Practicamente todas as economías de América Latina están pasando por un bo momento, o que permite na maioría dos casos ampliar a concentración da riqueza e xerar traballo, e ademais adicar axudas para atender da inmensa masa de excluídos. Segundo as estatísticas todo parece ir ben, decrece a pobreza, aumenta o emprego, e fanse importantes investimentos nos servizos sociais e nas infraestruturas. Porén, algo falla, porque a contestación social e laboral medra, non só en países con gobernos que poñen o acento no económico, como Colombia, Chile e Perú, senón tamén noutros que teñen unha maior sensibilidade social, como Brasil e Arxentina.
A unidade de todos os sindicatos en Brasil contra a política económica de Dilma, ou as protestas de sectores depauperados na Arxentina que, por máis manipulados que podan estar pola dereita, amosan que algo anda mal. Semella que en ambos os países están fracasando as medidas keynesianas que, aproveitando os grandes recursos en materias primas, minerais e agrícolas, queren acelerar a substitución de importacións e o aumento das exportacións industriais, para mudar deste xeito o rol que teñen no mercado internacional. Non cuestionan polo tanto o proceso de globalización, senón que procuran un novo reparto de poder. Mais este sistema ten límites certos, ecolóxicos e de recursos. Asemade, ignora que estamos nun contexto no que a competencia en salarios (e prestacións) a fixa China, e a especulación financeira, a economía delituosa, a presión militar e o control da información abafan todo o que se saia do guión das potencia hexemónicas, baixo a batuta das súas clases dominantes.
A medida que avanza a crise, e o reaxuste entre clases e países agudízase, as propostas keynesianas, dun capitalismo para todos, amosan que xa non abren camiños para o futuro dos de abaixo. Isto é o que ollan mesmo aqueles que viven onde a economía medra e xera emprego, como Arxentina e Brasil. Saben, que aínda sendo así, nunca sairán do traballo duro, da precariedade, do futuro incerto. E, ademais, como exemplo alternativo, malia todas as eivas, complexidades e diversidades, no ALBA terían outro protagonismo.
