MÚSICA PARA VIAXAR POLO TÚNEL
Aa tecnoloxía avanza a velocidade imparable. Ás veces para ben, outras non se sabe para qué. Vexamos, se non, unha desas achegas á historia evolutiva da humanidade que, neste caso, procede dos países nórdicos coma Ikea. Tómese, pois, coa seriedade debida. O anuncio da comercialización dun ataúde dotado con todos os aparellos necesarios para escoitar nel música. Mesmo coa conectividade precisa para que esta sexa enviada e actualizada a distancia. Como aínda ven de ser presentado en sociedade, do seu éxito e receptividade non hai datos precisos, mais para o benestar da xente é, sen a máis mínima dúbida, unha grande noticia. Poida que non se teñan logrado vencer ao cancro e outros grandes problemas da saúde pública, mais e todo xa podemos viaxar ao máis alá acompañados da nosa música favorita. Trátese da antiga Marcha do Reino de Galiza, interpretada pola Real Banda de Gaitas de Ourense en solemne adicatoria ao prócer Baltar, ben sexa coa innovadora composición de homenaxe aos “Héroes do Orzán” na súa versión orixinal galega ou na adaptación feita para a Banda de Música de Vilagarcía. Como é natural, non hai límite á duración polo que é posible incluír todas as sinfonías de Beethoven, a discografía completa de Siniestro Total, os grandes éxitos da Orquestra Panorama e calquera outra peza que guste ao morto ou, máis ben, ao vivo que teña a responsabilidade da escolla. O aparello instalado no cadaleito ven coa garantía de perfecta sonoridade, tanto na súa calidade coma no volume que se desexe. Iso si, non hai seguridade nin certeza na capacidade de escoita do finado ou finada habitante na caixa dos mortos. Á visita deste logro tecnolóxico e do seu previsible grande impacto social, ábrese unha seria preocupación para comunidade humana a respecto da súa transcendencia. Entre os efectos colaterais, as nosas autoridades locais temen que o tradicional silencio dos cemiterios poda tornarse nun perfecto lugar para as quedadas do botellón nas que a música sairá dos cadaleitos, reducindo o aporte á festa comunitaria ao subministro da bebida toda vez que o inventor deste novo enxeño non reparou nese detalle. Para o goberno enfrontado á crise é una oportunidade na súa metáfora da “saída do túnel” á que fan apelación continuada para avalar a súa errática política económica que, lonxe de dar acaída resposta á situación, alonga cada vez máis o traxecto nun percorrido do que non ollamos o seu final. ¿É se lle poñen música?.
