DE MILONGAS E BOLEROS
Seguro que saben de que falo cando afirmo que esta costa de Xaneiro e a nai de todas as costas de Xaneiro. Entraron en vigor incrementos de todos os impostos e taxas. Suben dende a luz ata a os servizos funerarios. Non sei se será a idade ou a sensación gris que disfraza a realidade do país, pero costa incluso respirar. Ata dá medo abrir o correo porque todo o que chegan son facturas e malas novas. E os ingresos disminúen vertixinosamente.
Pero temos que levalo con tranquilidade. Nin enfermar a deshora podemos, porque a eliminación das Urxencias en Castela, é unha epidemia contaxiosa que chegará pronto a Galicia.
Un mira para atrás sen ira, pero con moita desesperanza. Semella que estamos espertando dun soño no que nada era verdade. Alumnos de matrícula de honra teñen que deixar a carreira porque xa non lles dan beca. Familias que accederon a hipotecas sofren a perda do seu fogar. Milleiros de cidadáns que depositaron os seus cartos confiadamente nos seus bancos, perderon os aforros dunha vida nas preferentes. Tristemente, miles de persoas dependentes tiveron que voltar novamente ao coidado familiar. Tan só Aguirre e Rato atopan traballo sen moverse da casa.
Estamos perdendo o colchón protector dos servizos gratuitos e as consecuencias poder ser dramáticas. Os servizos públicos, Sanidade, Educación e Xustiza soportan un mazazo brutal.
Na prensa o Goberno conta milongas macroeconómicas, triunfos inexistentes, brotes verdes… mentras retornan os boleros, esas microafectacións reais de 3 minutos que embadurnan as nosas emocións con todo o que puido ser e non foi.
Coa morriña dos longos fados tristes.
