A CULTURA DA RESPONSABILIDADE
Pasou 2012 como un ano perdido. Empezou desorientado e rematou sendo un tempo sen nada bó que facer figurar nos almanaques da historia. No debe deste ano, podemos colocar en titulares que foi cando a dereita aplicou políticas de dereitas. É dicir: menos do de todos e máis do de algúns. Menos peso do público e máis negocio e presenza para o privado. Foi un ano onde a coartada da crise foi a excusa para levar adiante o que sempre quixeron facer. E por iso a Sanidade, a Educación, a Función Pública e a Xustiza levaron os principais golpes e quedaron reducidos e limitados nos seus principios clásicos de universalidade e gratuidade. Quedaron na retina imaxes de corrupción, de abusos, de banqueiros das preferentes xogando ao “eu non fun” nas comisión de investigación; de recortes duros, versus axustes, que nos fan sentir culpables dunha tormenta que nin é culpa dos cidadáns, nin ninguén detectou a pesar dos miles de ollos vixiantes dos numerosos organismos internacionais. Pero hai cousas que non poden permitirse. Quen insulta aos parados dende a tribuna, ten que ser cesada. Quen xoga no hemiciclo ten que dimitir automáticamente. Quen xestiona mal un patrimonio colectivo, ten que reponder nos tribunais e coa restitución do capital… temos que instaurar a cultura da responsabilidade se queremos ser cribles. As conductas irresponsables non poden sair gratis nin quedar impunes… Esixamos transparencia e eficacia con urxencia para recuperar a Política como patrimonio da sociedade. Mentras, Rajoy anuncia un 2013 horríbilis. Como sempre, nunca resolve nada. Todos os colectivos sairon xa as rúas. Desmoralización total. Teremos máis do mesmo.
