Buracos de miñoca
A expresión brasileira “buracos de miñoca” vai moito máis alá da consideración a respecto dunha típica vía de escape utilizada por ese verme anélido, da clase dos poliquetos, de corpo cilíndrico e alongado, que vive enterrado na area do litoral mariño. Tampouco é unha referencia á consideración de home de pouca valía que acepta como opción o noso dicionario. Aínda que semelle unha redución de alcance do que aquí chamamos “buracos de verme”, fálanos dese mecanismo para atallar que liga dous lugares no espazo-tempo; e dicir, a coñecida “ponte de Einstein-Rosen” que é o nome técnico do fenómeno. Metáfora do tempo de agora mesmo.
Certo é que unha das cousas máis estrañas da física é que existen practicamente dúas disciplinas diferentes: a da relatividade xeral, que explica o comportamento da gravidade e dos corpos xigantescos, caso das estrelas e planetas; e outra, a da mecánica cuántica, que trata das partículas máis pequenas coñecidas ata hoxe en día. Cada unha explica moi ben o campo en que traballa; mais, cando se combinan, non funciona o motor de arranque; mesmo para alén do intento de Albert Einstein que intentou unificar as diferentes forzas do universo desde a Teoría de Cordas.
Aquí, fóra do mundo especulativo, a realidade social tamén amosa unha grave falla de coordinación entre a cidadanía e a mecánica institucional orientada ao servizo dalgúns dirixentes que procuran atallos para impoñer o seu interese particular por riba do xeral. Boa mostra diso é o acontecido no último referendo italiano que amosou o divorcio existente entre os promotores dunha desmesurada modificación constitucional a respecto do que está disposto a tolerar a xente. Resultado: derrota absoluta da iniciativa; dimisión do símbolo promotor, o primeiro ministro, Matteo Renzi, aínda que sexa un pouco en diferido; inevitables eleccións xerais á vista e crise política, económica e social acentuada. Aínda máis, a Europa comunitaria novamente afectada por outro golpe traumático, a poucos meses da ferida causada polo Brexit.
Por iso, a caste dos políticos temerarios, farían ben e afondar no coñecemento da diferenciación entre os buracos negros, no que todo entra e nada sae deles; no dos buracos brancos no que nada entra e todo sae, mais non foron nunca observados e, polo tanto, son pura fantasía; e, finalmente, neste modelo de “buraco de miñoca” que é un túnel que vai para alén do espazo e do tempo con ben menos éxito que o futuro dos túneles do AVE galego á meseta.
