GALEGO, PARA IR A FIN DO MUNDO
A lingua é o noso corazón, e con este corazón podemos ir a fin do mundo”, así animou O Carrabouxo desde o palco situado na compostelá Praza da Quintana aos moitos milleiros de galegas e galegos que alí acudimos este pasado domingo. Foi unha grande mobilización nun ambiente extraordinario a favor do idioma que nos une, da lingua deste País, mais tamén “unha emenda en toda regra á política lingüística da Xunta presidida por Nuñez Feijoo”. Unha xornada histórica de reivindicación, unidade plural e festa para amosar que o amor polo idioma está moi vivo.
Coincidente nun tempo de relevo na Consellería de Cultura e Educación, é magnífica oportunidade para virar esa estratexia de acoso e cerrazón que, á mesma hora, expresaba o Presidente galego desde a Feira do Cocido de Lalín na que cinicamente trasladou o innegable desequilibrio, do galego a respecto do castelán, fóra das aulas. Contradición coa situación dunha regulación administrativa que prohibe a utilización da nosa lingua en determinadas materias ou etapas educativas. A reflexión sobre esta materia que el pediu debe comezar por exercela el mesmo sobre o que leva feito, en contra do galego nos seis anos de mandato de goberno, sementando prexuízos que non había e lexislando contra do idioma. Claro que debe haber acordos arredor da lingua, do mesmo xeito que imperou a unanimidade no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado fai unha década polo Parlamento. Iso si, non pode ser letra morta que fica en papel mollado, relatorio de intencións para non se cumpriren.
De continuar o absentismo da Xunta na súa responsabilidade política sobre o idioma, “o futuro da lingua propia vai estar, como estivo no pasado, nas mans da mobilización social. Se o galego conseguiu recoñecemento legal é porque houbo un amplo respaldo da xente e neste momento de ataque a esa oficialidade formal é tempo de actuar e facer do galego unha lingua oficial real e non oficiosa”, asegura Queremos Galego. Todos os avances para a nosa lingua foron conquistas da sociedade galega, todos favoreceron outros avances sociais. Mentres haxa xente vivindo e traballando conscientemente en galego, disposta a actuar e a se mobilizar pola lingua as veces que fixer falta, a reclamar o seu lugar lexítimo, a comunicarse nela con normalidade, a transmitila á xente nova, o galego terá futuro. O idioma é arma de construción masiva.
