VELAÍ VEN O MAIO
Aí vén o maio, anuncia o programa da celebración festiva que conmemora o tempo de mudanza no ciclo natural da meteoroloxía cambiante. Aquí vén o maio / disposto a contar / as cousas que pasan / e as que han de pasar. Letra típica de toda copla que serve para tratar o momento social en clave de retranca galega. Velaquí chegou o maio, metáfora da alternancia política que se albisca no horizonte político.
A festa dos Maios, no ámbito galego, é unha liña de tempo que conecta á era máis antiga coa identidade cultural propia da modernidade de hoxe en dia. Patrimonio cultural de base inmaterial no que se atesoura tradición e simbolismo. Tema, tamén, de pescuda antropolóxica na que se atopan dúas correntes de opinión. Dunha parte, os que ven a orixe na filosofía de vida da cultura castrexa e da súa conexión co mundo celta.
Doutra, as que sitúan na adaptación territorial das festas primaverais da civilización romana. Con certeza, algo teñen das dúas tendencias de opinión, afectadas no tempo pola prohibición e combate librado contra a doutrina saída dos concilios católicos, primeiro, e a posterior integración na iconografía cristiá que sitúa a devoción á Santa Cruz na data da celebración e á Virxe na do mes que dá título.
Unha celebración festexada por máis de tres milenios, nun país extenso, produce variacións e diferenzas que lle outorga ese matiz do fenómeno social que é obxecto de interese para o estudio. Na abondosa bibliografía sobre a materia toca citar, por oportuno, unha das achegas pioneiras: a do autor escollido para as Letras Galegas do ano que está a correr. Falamos do traballo de Xosé Filgueira Valverde, publicado en 1927 na revista Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.
Suma o seu gran de area ás contribucións que divulgaron onte e fan posible hoxe a continuidade dunha manifestación cultural que, máis alá do xeito concreto de facerse visible coas construcións, coplas e cantares satíricos, mesmo a desaparecida forma do maio humano ou da maia xuvenil, do percorrer corredoiras e petar á porta na procura de lambetadas ou cartos; é, no verdadeiro fondo da esencia, unha cerimonia de tributo á natureza por un futuro mellor agardado na colleita do froito sementado nos campos.
Metafísica dun xeito de ser que traspasa foco á vida política nun mes que arranca co berro dos traballadores clamando pola xustiza social no mundo laboral, na agarda por un fondo cambio saído do inminente proceso electoral.
O maio xa está aquí.
