
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asegurou onte nun acto do PP que se están “dando pasos” para promover a mellora do pabellón deportivo do colexio de Rubiáns. O responsable autonómico visitou a sede do PP para arroupar ao alcaldable conservador, Tomás Fole, nun acto sectorial no que realizou un balance dos últimos catro anos en materia de Educación e Cultura e puxo sobre a mesa propostas de futuro.
Tomás Fole matizou que a idea, se repiten ao fronte de Ravella, é a de “apostar por unha educación pública de calidade, unha educación adaptada ás novas tecnoloxías e baseada no plurilingüismo e que atenda á diversidade”. Entre as propostas está a de deseñar un “Plan de actuación nos centros educativos” que veña a completar as melloras, segundo o PP, realizadas nos últimos catro anos. Ademáis comprométense a “adecuar a oferta de prazas públicas en escolas infantís” e “traballar conxuntamente coa Xunta de Galicia para que os nosos centros sexan plurilingües e conten con aulas dixitais”.
En materia de infraestruturas o alcaldable recoñeceu a importancia de pór en marcha unha nova biblioteca municipal para satisfacer a elevada demanda que existe na actual, ubicada na rúa Rey Daviña.
no rural
Tomás Fole foi o encargado de facer un repaso polo traballo que o goberno actual fixo nos últimos catro anos nas dúas áreas que, no caso de Vilagarcía, recaen na concelleira Rocío Llovo. Ademais fixo unha aposta por dotar de contidos ás máis de vinte casas da cultura que existen nas parroquias. “A nosa idea é que os grupos locais que ensaian nos baixos do Auditorio poidan entrar a formar parte desa rede cultural e dotar así de contido a todas esas infraestruturas”, explicou o alcaldable.
O conselleiro remarcou que en materia de mantemento de centros o Concello de Vilagarcía fai “un bo traballo” e está “na media alta de Galicia neste sentido”. Advertiu nesa liña que “temos 1.300 edificios en toda Galicia, aquí son 25 e algúns deles en un estado moi difícil, pero estamos facendo cousas para melloralos”.




















