
Iago Martínez é historiador e dende hai xa uns meses é bolseiro no Concello de Vilagarcía. Cambadés, pero gran coñecedor da historia da capital arousá, é o encargado de ofrecer as charlas sobre o Centenario nos distintos centros de secundaria do municipio. Onte tocoulle aos alumnos do Castro de Alobre, pero a iniciativa tutelada por Cultura chegará ao resto nos vindeiros días.
Tan só 55 minutos para explicar unha historia que se remonta ao principio dos tempos... Como se consegue iso?
É moi pouco tempo, a verdade, pero o que intentei é facer un repaso polas claves máis destacables, dende os primeiros asentamentos ata o momento da fusión de Vilagarcía, Vilaxoán e Carril. Fálolles do Castro Alobre, dos Ballotes... así como da presenza dos ingleses na cidade, das lendas que rodean o Monte Lobeira e un longo etcétera...
Eran coñecedores destas historias algúns dos nenos?
Non. A verdade é que é moi raro que dean historia local nos institutos, fundamentalmente porque moitos dos mestres non son de Vilagarcía e, probablemente, nin eles mesmos a coñezan.
Como se configuran estas conferencias?
Pois apóiome moito no material gráfico, en fotografías antigas. Polo que puiden comprobar o primeiro día é o que máis lle chama a atención aos rapaces porque se sorprenden de como cambiou Vilagarcía en todo este tempo. Por exemplo móstrolles unha fotografía de Cortegada e daí xa teño pé para falarlles da cesión a Alfonso XIII e todo o que veu despois en canto á súa recuperación.
Claves para que despois os rapaces afonden por si mesmos...
Basicamente é iso. É certo que aquí hai centros que teñen un fondo local moi bo en canto a historia e que é aproveitable para os rapaces.






















