
O colectivo Vídeos Creativos coa colaboración da Concellería de Cultura animará a tarde do sábado cunha espectacular actividade na que Vilagarcía se transformará nun set de rodaxe típico de Hollywook. Unha marea de zombis invadirá as rúas, haberá loitas e persecucións a cargo de especialistas e trucos e efectos especiais. O espectáculo desenvolverase dende as quince da tarde ata pasadas as oito e a finalidade é recrear as escenas dalgunhas películas e series de moda, realizando unha micro rodaxe donde se revivirán escenas de zombis, combates corpo a corpo e despregues dende o aire.
Para unha ambientación realista haberá un obradoiro de maquillaxe de zombis a cargo de Adrián Caeiro e Bibiana Álvarez. Pola limitación de tempo e dificultade dos traballos só poderán caracterizarse 20 persoas e as demais deberán vir maquilladas da casa. Os organizadores recomendan ás persoas que acudan disfrazadas da casa que se caractericen como zombis rurais e armados con ferramentas como motoserras, fouces ou machadas. Tamén se pide que outros veñan como enfermeiras, mozas con sables ou mozos con ballestas para imitar as personaxes da serie televisiva.
Esta peculiar recreación terá lugar o sábado na explanada do Auditorio. A actividade desenvólvese aproveitando o marco da celebración de Halloween e tamén para animar un pouco a tarde do sábado. Vídeos Creativos busca con esta iniciativa agradecer a participación de toda a xente que acudiu ao cásting para a curtametraxe “Cuando la curiosidad te mata” e que, finalmente, non foron seleccionadas para participar na rodaxe. Unha boa forma de pasalo ben na tarde do sábado.




















