
Salomé Peña ten 40 anos, é licenciada en Ciencias Químicas e é veciña de Sisán. Preséntase ás súas cuartas eleccións para revalidar a posición na Alcaldía, nuns comicios nos que volve a forza de independentes que en 2003 quedara a dous votos do bastón de mando.
Hai uns meses plantexaba a posibilidade de non ser candidata, que foi o que finalmente a convenceu do contrario?
O apoio que recibín por parte de moitos afiliados e compañeiros. Convencéronme de que era bó que seguira. Ilusión teño de sempre, quizáis cada vez máis, pero tamén é certo que me gusta darlle paso a xente nova, con novas ideas.
Deixouse querer un pouco, vaia.
Para min, para calquera, é un orgullo sentirse arroupada, querida e que consideren que es a persoa axeitada para esta nova etapa.
Porén, na oposición hai quen cre que se o PP revalida a Alcaldía vostede non rematará o mandato como rexedora, senón que cederá o testemuño. É iso posible?
Lembro que hai catro anos ese discurso era o mesmo. Creo que xa está esgotado e sería bo que o cambiasen, porque se esa é a única crítica a este partido e á nosa xestión, a verdade, é para estar contentos. Eu preséntome con moita ilusión, para gañar e, por suposto, para ser alcaldesa durante catro anos.
Xorden cinco listas fronte ás tres de 2011. Isto pódese interpretar como un descontento cidadán, que artella novas opcións?
Non. Hai que ter en conta que o BNG dividiuse e de aí saiu outro partido. E os independentes xa se presentaran con anterioridade. O seu único obxectivo e afán é sacar ao PP do poder, porque parece ser que non teñen nin programa.
Independientes por Ribadumia parte coa intención de dar unha batalla real pola Alcaldía. Cre que hai partido ou que ese tren xa pasou para esa forza?
Creo que a súa oportunidade xa pasou e forma parte do pasado. O seu único obxectivo é facerlle dano ao PP, non traballar para os veciños. De feito, estiveron desaparecidos nestes catro anos, que foron de dificultade para os cidadáns e para as propias administracións. Non se preocuparon de nada, por iso non ten moito sentido que volvan.
Que haxa cinco partidos, compromete unha maioría tan ampla como a que ten o PP hoxe?
Nós aspiramos a manter os mesmos concelleiros. O que ocorrerá é que os edís que ten a oposición vanse repartir entre eles e algún partido correrá o risco de quedar fóra da Corporación.
De que pode presumir o goberno nestes catro anos?
Foron moitos logros, non só en infraestruturas. Pero algunhas delas foron importantes, como a depuradora, o campo de fútbol, a Pousada, beirarrúas, paseos... Con todo, o primordial foi o mantemento, o conservar todos os servizos sociais, reforzados, ademáis do mantemento dos servizos públicos, desde parques e xardíns ata a ampliación da gardería. Creo que nestes momentos de dificultade é importante non só facer, senón manter.
Falou da Pousada e do campo de fútbol, moi criticados pola oposición, que considera que eses fondos estarían mellor investidos noutros servizos.
Esas críticas caen por si mesmas. Claro que fan falta outras cousas, pero no campo de fútbol tiñamos unha subvención finalista, destinada única e exclusivamente para campos de fútbol, co que non se pode investir para outros fins. Ademais, había unha gran demanda, dada a canteira dos clubes, con máis de douscentos nenos. Os outros campos estaban saturados: Os nenos tiñan que ir a outros concellos para poder adestrar.
E a Pousada?
É unha inversión que non custou nada ao Concello, o que hai que agradecer á Deputación. Vai xerar unha gran riqueza para a vila. Xa o fixo, ao pasar dunha parcela abandonada e inservible a ter un establecemento que permitiu urbanizar, ademais, as rúas ao seu arredor. E xerará máis, cos novos postos de traballo e porque vai vir turismo, un turismo accesible para todos, que durmirá na Pousada pero que deixará cartos no municipio.
Que carencias de Ribadumia trasladaron ao programa?
Sacaremos adiante a reforma integral do ximnasio do colexio, un edificio moi antigo, de 50 anos. Esta mesma semana foi a Pleno. E aí albergarase, igualmente, un novo comedor escolar e Plan Madruga. Levamos tamén obras no propio colexio. Nel fixéronse inversións de mellora e de mantemento, pero agora imos reformalo. A maiores, imos abrir unha nova rúa en Barrantes, fomentar o emprego, con axudas ao comercio local e ao polígono e, sobre todo, garantir e seguir cos servizos sociais, ampliándoos.




















