
O Auditorio de Vilagarcía acolle o próximo martes a partir das oito da tarde a estrea absoluta da obra “Ciclo de vellas estampas da Ría de Arousa” do compositor e profesor do Conservatorio, Fernando Ruibal Tilve. É un conxunto de tres pezas diferenciadas que representan a Carril, Vilagarcía e Vilaxoán e que están inspiradas en postais antigas sacadas dun libro de Manu Villaronga.
No concerto intervirán varias agrupacións de cámara formadas por distintos instrumentos, dous de piano e trompa; saxo e piano; bombardino e piano e o grupo de cámara de clarinetes.
Os grupos de música de cámara do Conservatorio están formados polos alumnos dos últimos cursos do centro, concretamente de 5º e 6º grado profesional.
A edil de Educación, Rocío Llovo, expresou a súa satisfacción por poder acoller en Vilagarcía unha “oportunidad única” para poder asistir a un espectáculo que só se pode ver “cada cien años”.
A entrada é gratuíta e o concerto, tanto a estrea propiamente dita, como as outras actuacións, terán unha duración aproximada dunha hora.




















