“Non sirvo para estar calado, pero é que co trato que recibiu A Illa desde fóra, tampouco me quedou outra”

Isidro García é bateeiro, ten 44 anos e é veciño de Viña Tinta. Durante os dous últimos mandatos estivo no goberno socialista de A Illa á fronte das responsabilidades de Obras, Servizos, Tráfico e Seguridade Cidadá. Antes das eleccións do día 24 xa amosou a súa vontade de dar un paso atrás, presentándose na lista socialista lonxe dos postos de saída, como número 12. A piques de deixar o Concello aténdenos para facer balance de case unha década de servizo no eido público.
Por que agora ese paso atrás?
Pois mira. Cando eu empecei nisto o meu fillo acababa de nacer. Agora xa ten oito anos... Isto non é unha gran cidade, pero si que é necesario adicarlle tempo, que ao final sae da túa familia e do teu traballo. Ademais, ten que vir xente nova. Eu sempre digo que debería ser obligatorio que todo o mundo pasase por algún tipo de asociación, administración, clube ou comisión. Para que se soubera que non é fácil. O fácil é criticar.
Así que, non é agradecida a vida pública?
Ten dúas caras. Hai momentos, os máis, nas que si é agradecida. A xente ven pedirche cousas, a maioría sinxelas, polo que eres capaz de cumplir nunha porcentaxe moi grande dos casos. E iso agradécencho. Que despois hai a crítica, iso de, “está aí porque lle ten conta”? Si, iso existe, pero eu non lle dou máis voltas.
E a quen ten vostede que agradecer cousas nestes anos?
Pois aos compañeiros das dúas Corporacións nas que estiven, que aínda que tamén tivemos as nosas broncas, estou encantado de ter traballado con eles. E despois, ao personal que tiven ao meu cargo. Son unhas persoas que valen a pena, pero con moito. Vale a pena traballar con xente así e estou moi contento por iso.
E o peor que foi? Esas críticas das que falaba?
As críticas como tal tampouco creo que tivera demasiadas. Non tiven problemas practicamente con ninguén, pero é certo que sempre hai algo.
Ao mellor coa oposición, non? O PP acusouno de facer traballos na súa casa co encargado de Obras. E tamén chegou a pedirlle a dimisión...
Si, pero non llo tiven en conta. Eles saben que o que dixeran naquel momento foi unha tontería monumental. Mesturaron a vida persoal coa pública e sabían perfectamente que o encargado de Obras é íntimo amigo meu desde hai máis de vinte anos. Ata veu á miña voda... Mira, eu dixen que entraba en política cun coche branco e cunha moto e así saio: O coche branco estropeóuseme e tiven que mercar outro de segunda man e agora é negro. Pero as miñas mans vanse limpiñas, limpiñas deste Concello. Outros, ao mellor, non poden dicir o mesmo.
E como foi aquela entrada na política hai oito anos? Que o impulsou a facelo?
A nosa familia ten un problema: A política. Tanto meu pai, que foi un dos fundadores do partido aquí en A Illa; como meu tío Julián, que estivo 18 anos nela... A política é unha cousa que fun mamando desde pequeno na casa. E entendín que aquel era o momento de botar unha man.
Como edil de Obras, cal cre que foi a máis importante?
Coido que foi un pouco global. Podería dicir o auditorio, claro, porque cando eu entrei aquí aquilo era unha montaña de covas. Parece que xa foi hai mil anos. Pero foi hai oito. O pobo cambiou moitísimo neste tempo. Pero, ollo! Non digo que fora mérito meu, senón de todo o equipo de goberno.
Algunha espiña cravada?
Pois si. Dúas. Unha, non ter sido capaz de conseguir os terreos para o pavillón deportivo, porque houbo un muro imposible de saltar, aínda que penso que os meus compañeiros agora teñen unha boa oportunidade. E a outra é non poder levar a cabo a peatonalización que eu tiña previsto.
Pero peatonalizouse bastante no centro da vila.
Si. Semipeatonalizacións, sentidos únicos, empedrados... Humanizouse bastante, pero o que é sacar os coches da rúa, non fun capaz. Un dos motivos foi o económico. Nesta lexislatura centrámonos en atender a moita xente que o necesitaba e aquel proxecto deixámolo un pouco paralizado.
Que momento dos dous mandatos non esquecerá nunca?
Un que foi hai moi pouco. A devolución do orgullo e dignidade, que para min non perdera nunca, de Alfonso Malvido, o ex director do instituto. No momento en que me enterei que o xulgado obligaba á Xunta a reparar o dano causado co seu cese, alegreime moito por el porque sei que o pasou faltal. Non só a nivel profesional. Estou moi orgulloso de ter coñecido unha persoa como Alfonso. De verdade, recordo ese intre e véñenme as bágoas aos ollos. Só por xente como Alfonso, daste de conta de que vale a pena estar metido nisto.
Como ve o novo equipo do PSOE tras a maioría absoluta do 24M?
Que están encantados! Teñen máis ou menos o mesmo choio e teñen sete concelleiros! Xa me contarás! Son todas persoas ás que lles sobra capacidade. O Concello cólleno ben encamiñado e Carlos Iglesias sabe perfectamente como está todo. Lola Folgar segue e é unha traballadora innata... Bueno, o de Lola é que é unha enfermidade polos máis desfavorecidos, non se sabe o traballo que fai... Estou moi contento con todo ese equipo e coido que van ter un bo mandato.
Foi vostede unha das voces máis críticas co resto de administracións, coas demandas do Xufre... Quen asumirá agora ese papel?
Non sei. Veremos. Eu tampouco entrei en política co ánimo de ser o látigo de ninguén. As cousas foron caendo así, porque coa Illa incúmplese un día si e outro día tamén desde outras administracións. O centro de saúde, por exemplo, un asunto sangrante. Nós pedimos reunións con Sanidade e nin contestan. E si contestan fan promesas e incumplen, como no tema portuario. Impuxéronnos un dique que non serve para nada, prometéronnos un porto en 2009 no que non se fixo nada... E por iso, a min non me queda outra cousa que denuncialo. Síntoo, eu non sirvo para estar calado e o que non vou facer é ir aplaudindo por aí a ninguén.
Se a Deputación ao final é socialista, cambiará ese trato?
Nese tema, o que me gustaría é que se fixesen contas nos últimos doce anos das investimentos que levaron outros concellos de por aquí e o que se fixo en A Illa. E, a partir de aí, ata que estiveramos á súa altura, a discriminación tiña que ser positiva para este pobo. Iso é o que eu penso.






















