
O veciño da Illa, Eugénio Outeiro, presentou onte en Vilagarcía o seu libro “Mordida” nun acto que tivo lugar na sede da Escola Oficial de Idiomas. Insular de nacemento o escritor leva xa sete anos vivindo en Pontevedra e el mesmo se define como poeta, budista zen, reintegracionista e profesor de portugués. Esta é precisamente a orde na que el mesmo se define aínda que as andainas dos últimos anos invirtan a colocación destes termos a partir de agora.
“Mordida” é o seu segundo poemario no que emprega a alimentación ao mesmo tempo como metáfora e tamén como un elemento da vida cotidiá.
Eugénio Outeiro é xa un coñecido do mundo da poesía. No ano 2002 publicou o seu primeiro libro de poemas, “Às vezes vida”, da man da asociación cultural Ateneo de Pontevedra.
Tamén participou na obra colectiva “100 poemas-100 voces” editada pola Diputación de Pontevedra nese mesmo ano. Ademais é posible atopar poemas seus publicados en revistas como “Ólisbos”, “Agália” ou “Sítio” en épocas e idades diferentes.
Outeiro tamén está conectado ao mundo das novas tecnoloxías e dende hai uns anos mantén na rede o blogue persoal “Intra”, antes chamado “Monólogos de Extramuros”, no que ademáis de opinións, deseños e traducións comezou tamén a publicar algúns poemas da próxima obra na que está a traballar, co nome provisional de “Herança”.
Esta actividade estivo enmarcada dentro das moitas que se organizan de forma periódica na Escola Oficial de Idiomas na que, aparte das clases, se organizan tamén presentacións de libros, festas temáticas e exposicións.
De feito a presentación da publicación de Eugénio Outeiro únese a outras moitas que se levan feito xa durante este curso académico e que continuarán ata o mes de xuño.




















