
A XXII edición da Festa dos Cogomelos celebrada onte en Vilagarcía de Arousa superou os niveis de venda de racións do ano pasado, situándose arredor dos 650 pratos despachados nunha soa comida.
A Praza da Peixería concentrou a máis de medio milleiro de persoas entre as 11 e as 15 horas de onte, para degustar unha ampla variedade de especialidades: Dende o sorprendente flan de cogomelos, aos máis tradicionais cogomelos asados, sen esquecer a súa presenza en empanada, con arroz ou como recheo de pementos, só entre algunas das propostas que maior interese espertaron nalgúns comensais.
Dende a entidade promotora, a Asociación Micolóxica A Cantarela, o seu presidente, Carlos Puga, valoraba onte a experiencia de xeito positivo. “Todo estivo ben. Tanto os pratos como a afluencia de xente, que desfrutou, aínda que se notou que moitos viñeron un pouco máis tarde e que Vilagarcía estaba un pouco baleira onte”.
Os atractivos non remataron aí. Houbo unha nova edición do tradicional concurso gastronómico con cogomelos, ao que se presentaron unha ducia de participantes. Tamén houbo sorteo de cestas e púxose á venda o último libro da asociación Cantarela, que contén arredor dun centenar de recetas.






















