O Chapante carga contra os corruptos e reparte consellos a falta de bens que deixar en herdanza

O Chapante pasou a mellor vida. Ninguén daba un peso por el e os malos presaxios confirmáronse o domingo. Despois da actualización á baixa da súa pensión e avergoñado polos continuos escándalos dos seus irmáns políticos (Luis do Bar-Cenas, Iñaki o duque “em-palma-do” e a súa dona In-fanta Limón, Pokemon, Gürtel e Gayoso Preferente-mente), o Chapante de Cuntis dixo adeus para sempre. Como todo obreiro da construción que se prece —esa era a súa profesión— a súa economía sucumbiu ao estourido da burbulla inmobiliaria e o seu legado foi máis ben escaso. “Amor e gratitude” para todos e, como non, “a paixón polo bo comer” foi o que lle deixou aos seus seres queridos e aos veciños de Cuntis, aos que animou a “celebrar” o su pasamento polas tabernas. Pero a pesar de non ter patrimonio, o Chapante si deixou consellos para propios e estraños, sobre todo para os políticos. Para os de Cuntis tivo unha petición clara e concisa: “Traballade dunha vez!!”. Iso sí, tamén lles recoñeceu o mérito de non aparecer en ningún caso de corrupción “a pesares do longa que é a lista de Bárcenas, do grandes que son os brazos de Pokemon, da corrupción Real...”.
Acordouse, asimesmo, o Chapante do persidente da Deputación, Rafael Louzán, agradecéndolle o “marabilloso” campo de fútbol de céspede artificial que constrúe en A Ran e recoñecendo que “é un acerto de carallo sementar de herba sintética toda a provincia”. Nesta época de austeridade é unha medida eficiente para “aforrar en auga e desbrozadora”. Por iso cre que sería moi beneficioso trasladar a idea a Cuntis: “Poderían empezar a poñer herba sintética nas cunetas, nas rotondas ou mesmo nas Brañas da Feira”. O simpar Chapante tivo palabras de afecto para Manuel Canabal, párroco de Cuntis durante 36 anos, ao que lle deu as grazas por “repartir tantas ostias entre os veciños”. E aos xubilados pediulles “un esforzo máis”, que non gasten tanto en médicos, que “é máis importante salvar ao país que a vosa saúde”.
En presencia da súa dona, Mª Carne ó Caldeiro, e os seus fillos Orella de porco, Freba, Cacheira, Codillos e Chourizo, os cuntienses despediron como merecía a un dos veciños máis queridos da vila, nunha tarde triste e na que o ceo tamén chorou pola morte do Chapante. As nubes sumáronse á tristura, aínda que ben podían controlar un pouco o seu pranto, porque a chuvia impideu que o “fiambre” puidera percorrer as rúas da vila como estaba previsto e como a él lle gustaría, para decir adeus definitivamente aos bares e restaurantes aos que tantos beneficios deu. As exequias fúnebres tiveron que celebrarse baixo cuberto ata o momento da incineración.