Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ulla - Umia

A sardiña descansa en paz, e entre choros, no río Umia

Cousas da vida: Caldas despediu o Entroido sen antes telo celebrado. As circunstancias —ou, mellor dito, a chuvia— obrigaron a aprazar ata o sábado o concurso de disfraces. Pero os caldenses non están para troulas e, quizais, nin teñan gañas de poñer as máscaras despois da traxedia vivida esta semana. A morte da sardiña ten aos veciños co corazón encollido e boa mostra foi a homenaxe que onte rendiron á finada en todo o pobo, dende as Palmeiras ata o Campo da Torre, pasando pola Tafona ou a Rúa Real. Nin un curruncho da vila quedou sen chorar ante semellante desgracia e alí estiveron as máis grandes autoridades para despedir ao benquerido peixe, que durante horas foi velado polas súas viúvas —deixa varias, ao parecer—, parentes e amigos na taberna O Muíño, esa que tanto coñecía despois de ter surcado o Umia augas arriba e abaixo durante toda a súa vida.

Non faltou ninguén, nin o venerado e glorioso San Juich nin os membros da Escola de Música, tocando eses acordes que tanto lle gustaban á malograda sardiña. Algúns ata afirman que estivo en Caldas mesmísimo Papa. Porque, non se enganen, a demisión de Bieito XVI nada tivo que ver con enfermidades nin con presións de ningún tipo. Todos os indicios apuntan a que o Santo Pai renunciou para poder asistir ao enterro da sardiña do Umia, porque un acontecemento de tal envergadura ben merecía deixalo todo.

Entre bágoas, a defunta saiu do Muíño arroupada polos seus seres máis queridos e dende o paseo Román López foi levada en hombreiros por seis veciños que a pasearon por toda a vila para que non quedase ningún caldense sen darlle o último adeus. A Praza das Palmeiras, aos pes da igrexa parroquial, foi o escenario perfecto para acoller o funeral e dar lectura a unhas letanías que non deixaron títere con cabeza: o Rei, o ministro de Educación, políticos galegos, cataláns e corruptos varios. Ata o Papa tivo que escoitar o seu. Foron os prolegómenos ao momento máis emotivo da tarde: aquel no que a sardiña volveu á súa casa, ás augas do río Umia ás que foi lanzada dende a ponte da Ferrería. Descanse en paz!