“No Concello antes só cobraba a alcaldesa, pero todos saben que outras dúas persoas tiñan salario público”

Na Alcaldía o aire acondicionado está a todo meter. Agradécese pola calor e o trebello semella un bo aliado para compensar o ritmo que a última hora da mañá aparece frenético a golpe de entradas e saídas do despacho, de papeis e de posits para non esquecer máis papeis para logo. Durante unha pequena agarda para comenzarmos a entrevista o novo alcalde atendeu a dous veciños, á secretaria do Concello e despachou uns asuntos na Tesourería. Así que ri coa primera pregunta, máis ben apreciación.
Xa se queda curta esa adicación parcial?
Pois si. Teslle que adicar todo o tempo que o Concello precisa. E estas son dúas semanas de moito traballo, de poñer as bases de organización, así que leva unhas poucas máis horas das que son propiamente da xornada.
Que foi o primeiro que pasou pola mesa do novo alcalde?
A posta en marcha da piscina, algunha actuación no tanatorio e a atención aos veciños, que nos transmiten a noraboa e tamén algunhas obras pendentes ou con problemas co anterior equipo e ven agora en nós a solución.
Moitos veciños?
A verdade é que si, por aquí, por teléfono... Escoitalos vai ser a base do noso proxecto político.
Que tal foi o traslado de poderes co PP?
De momento non tivemos ningún acto así.
Pois sorprende, digo, porque en Cambados e Vilagarcía si houbo este acto entre os saíntes e os entrantes para explicar o que quedaba en marcha, e como quedaba.
Aquí non. Polo menos nesa oficialidade. O que si nos transmitiron é que si precisabamos nalgún momento algunha aclaración puntual, que os chamaramos.
E atoparon algunha sorpresa no Concello?
Bueno, para ter feito as inversións que se fixeron nesta vila nos últimos anos, entendo que deberían terse solucionado algúns problemas que siguen pendentes. Non é normal. Por exemplo, servizos básicos, queixas por obras feitas... Por iso creo que se produciu o cambio político, porque os veciños o precisaban.
E vaia cambio. IR nacera coa premisa de arrebatarlle a Alcaldía ao PP. É este un momento histórico?
Si. É importante porque creo que significará máis democratización, máis igualdade de oportunidades para os veciños. Esa foi a demanda, de feito coido que os cidadáns agardaban que se pechase o pacto canto antes. Logo, a efectos de partido, para IR é un paso importante, si, tras un bo traballo na campaña, coa recollida das demandas veciñais.
Cando se soubo realmente que ía haber cambio? Tras o reconto o 24 de maio? Ao comezo das negociacións, ao final?
Nós sabiamos, tras as eleccións, que os veciños querían ese cambio. E por iso o luns xa houbo chamadas, primeiro para darnos a noraboa. E logo para comezar a falar de pacto con Somos e PSOE. Había interese das tres forzas, todo foi por bo camiño e tivemos capacidade negociadora para un único proxecto político, adaptando e dialogando. En contra do que fixo o PP, porque se eles tiveran esa capacidade negociadora, seguro que chegaba a acordos.
Tíñano difícil os populares con PSOE e Somos...
Pero se o PP tivera capacidade negociadora para chegar a un pacto con eles, seguro que o ía facer.
Sesión de investidura. Respirou tranquilo cando veu que no PSOE e en Somos levantaron a man cando tocaba? Porque si, estaba pechado, pero Lugo ou Cambados amosan ben que ata o mesmo momento do voto, nunca se sabe.
Nós estabamos moi tranquilos. Negociamos desde o principio con calma cos demais e coido que ben. A sorpresa sería que non se producira o pacto.
As caras naquel pleno falaban por si mesmas. Pero foi, contra o que moitos podían imaxinar, unha sesión moi tranquila.
Creo que en IR, desde o comezo da campaña, tratamos de facelo todo o máis sensato e tranquilo posible, sen buscar puntos extremos. Non así o PP, que nalgún momento fixo declaracións inoportunas que non levan a ningún sitio.
Supoño que se refire a que saíse a relucir o nome de José Ramón “Nené” Barral e que logo se atacase o pacto a tres...
É que o PP ten que aprender a ser sensato. Houbo comentarios inoportunos, pero non queremos caer nas críticas, queremos ser positivos e construtivos.
Pero as críticas chegaron tamén por decisións do novo goberno, polo asunto das retribucións e de que o edil de Somos sexa liberado a tempo completo. Ese é un “pago de favores” como declarou o PP?
Como as de antes, son declaracións interesadas, pero non razoadas. E explícome: A miña é unha adicación parcial e Enrique Oubiña leva unha a tempo completo, que suman uns 53.000 euros ao ano. No seu momento, só a retribución da alcaldesa de Ribadumia eran brutos sobre 44.000 euros. Dúas persoas imos encarecer só con respecto á alcaldesa 10.000 euros. E en todo caso, somos o Concello da comarca no que menos imos cobrar por adicacións exclusivas. Pero é que hai máis, os veciños sábeno e é importante: Independentemente de que no Concello só cobraba a alcaldesa, si había dúas persoas, que se lle cargaban ao erario público e estaban a tempo completo. Como mínimo dúas, por non dicir catro. E iso vai a máis do doble do que nos cobramos.
Pero se non cobraban do Concello, facíano doutras administracións?
Eran persoas que traballaban no Concello, imaxino que con erario público, digamos Deputación, digamos... Eles son os que teñen que dar resposta a iso.
Que lle gustaría que se puidese dicir do seu goberno ao final do mandato?
Que todo o que escoitamos aos veciños o poidamos realizar. E que iso ao final nos dea un resultado electoral como este último ou, se cabe, mellor.




















