Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

Carril, a terra na que Rosalía se despediu do mar

Aínda que non moitos o saben, Carril ten moito de Rosalía de Castro. O busto da poetisa de Padrón figura dende hai anos nun pequeno recuncho axardinado ao carón da estrada principal e todos os anos, co gallo das Letras Galegas, a escultura aparece engalanada cun ramallo de flores. Onte en toda Galicia, aqueles que ven a Rosalía como o cerne da cultura galega que non esmoreceu pese á escuridade quixeron saír á rúa para ofrecerlle unha “alborada” das que ela tanto gustaba.

O frío non foi excusa e a música das gaitas e da percusión crearon un ambiente aliñado por todos os que non quixeron perderse o momento. Onte fixo anos da publicación de Cantares Galegos e, non hai moito, que Galicia quixo facer desta xornada o Día de Rosalía.

Os carrilexos iniciaron a súa andaina dende o carón do busto da poetisa para dirixirse á que se coñece como a “casa da parra” na que, segundo a historia viva, a de Padrón contemplou por última vez o fermoso mar días antes de morrer. Percorreron paseniño o camiño que separa os dous enclaves, guiados pola música, para finalizar o seu periplo con versos da poetisa e dos seus tan amados e laureados “Cantares Gallegos”, unha oda á vida na terra.

Vilagarcía e, concretamente, Carril, non foi onte o único enclave da Ría de Arousa no que se recordou á poeta intimista. En Cambados, Riveira e Boiro tamén se fixeron sendas alboradas. Nin o frío nin o mal tempo quixeron apagar a voz escrita que deixou a de Padrón e que perdurará para sempre na literatura.