
Fíxose agardar, como cada ano, pero por fin os veciños de As Rubas, en A Illa de Arousa, deron a coñecer á comarca de O Salnés a identidade do boneco Liborio protagonista do mércores de cinza. Desta volta, seguindo a estela de persoaxes populares do mundo da actualidade, tocoulle o turno ao electricista máis mediático dos últimos anos, acusado de roubar o Códice Calixtino da Catedral de Santiago.
O desfile volveu ter os ingredientes que non poden faltar nesta cita: Choronas, parodias, neste caso sobre as eléctricas, a relixión e o incunable; disfraces por doquier e moito bo humor, para rematar na tradicional queima do pelele.
A Illa pasa páxina de Entroido así ata a fin de semana. O sábado será o turno do desfile de carrozas e o domingo sairán a escea as comparsas.
Mentres, no resto da comarca poñen data á vista para os seus propios bonecos satíricos. O Momo de Vilanova, o domingo, será un dos máis agardados, na espera tamén de poder recoñecer a súa nova indentidade, trala coincidencia do ano pasado na que Iñaki Urdangarín foi motivo de escarnio tanto no Momo de Vilanova como no Liborio de A Illa.
A festa seguirá tamén en Barrantes, Ribadumia, onde ultiman os detalles do desfile da Galiña do Ovo Estrellado, o sábado; mentres que O Mosteiro, Meis, chorará a don Porco Teixugo do Cortello na xornada dominical.