“Historicamente a muller tivo moitas trabas e non debemos ser nós mesmas as que nolas poñamos”

Dolores Calvo Méndez ben puido acuñar esa frase tan redita nestes tempos de “si se pode”. Mestra de profesión e nai dun fillo, é dende 2014 a presidenta da adega e cooperativa vinícola Condes de Albarei, precursora da promoción do albariño e unha das máis importantes de Galicia. É a única muller ao cargo dunha sociedadeste tipo na zona e membro feminino dos órganos de toma de decisións da asociación Agaca, e dende ambas, e xunto co resto de directivos, loita por animar ás mulleres a autoreivindicarse e entrar nos consellos rectores dende varios flancos, como o formativo e o da concienciación, con todo tipo de xornadas e iniciativas.
“Históricamente atopamos moitas trabas e non debemos ser nós mesmas as que nolas poñamos. É máis perder o medo e dar un paso adiante e saber que hai outras facetas da vida”, conta. Así o pensou ela cando deu o primeiro, o de entrar no consello rector como vogal, animada tamén polos seus compañeiros, homes e mulleres, hai oito anos.
Por que decidiu dar o paso e entrar no consello rector?
Sempre me gustou participar e colaborar en iniciativas veciñais, solidarias, etc. E presenteime como vogal co empurrón de socios que me animaron e xa dentro, ao ver como funcionaba, ir traballando e aprendendo e co apoio dos compañeiros e traballadores, sempre dispostos a achegar o ombreiro, ratifiquei que pagaba a pena facer o esforzo por esta sociedade responsable, traballadora, loitadora e cunha visión de futuro. É un proxecto ilusionante e de esforzo para crear riqueza polos socios e pola comarca. Nos tempos que corren é un reto complicado, pero era importante botar unha man.
En Galicia, a muller representa o 50% dos socios das cooperativas agrarias, pero só un 12% dos consellos e un 3% das presidencias. No caso de Condes, como está esta proporción? Cal é o problema, inténtase pero hai algo que o impide?
No noso caso, un 46%, aproximadamente, son mulleres e penso que xogan varios factores. Está clarísimo que non é un problema de capacidade. Para as mulleres é máis complicado asumir cargos nos consellos e presidencias porque tradicionalmente asumimos máis responsabilidades familiares e cando atopamos tempo para adicalo a este tipo de cargos sae do descanso persoal e do lecer.
É difícil compatibilizar, pero penso que os homes vanse concienciando máis a compartir responsabilidades. Por outra banda, creo que también hai falta de confianza e autoestima ou de ter a seguridade para dar o paso e niso traballamos. Desafortunadamente, en Condes somos a excepción porque nas asambleas e consellos sempre houbo mulleres –agora hai tres– e se presentan, asistían e asisten moitas socias e vexo o apoio dos socios porque, por moitas actividades de concienciación que se fagan, se non hai ese apoio non sería posible. Aquí respóndese moi ben.
Levan tempo realizando xornadas e iniciativas formativas para animar ás socias a dar o paso cara os órganos de xestión. Como están resultando?
No consello rector temos claro que a forma de cambiar as cousas, o máis básico para empezar, é a formación e correspóndenos a parte de incitar á participación nestas actividades e programas de sensibilización aos socios. Dende logo sería unha lástima non optimizar o talento dos socios e socias. As actividades están tendo boa acollida e isto nos anima. Temos que seguir nesta mesma liña.
Estes días fálase da imaxe da deputada nacional Carolina Bescans co seu fillo no Congreso, como está no campo a conciliación familiar?
Non é fácil e depende da actividade. Por exemplo, as cooperativas leiteiras teñen obrigas diarias e no noso caso, o do viño, o traballo é máis estacionario. Lóxicamente en tempo de vendima e máis intenso, pero si que ofrece uns horarios máis flexibles.
Máis alá da formación e da concienciación nótanse algunhas carencias ou cuestións a mellorar para axudar neste senso?
Precisamente na última xornada de “Atrévete Contigo Mesma”, con Agaca e a Obra Social La Caixa, saiu a colación, e tomamos nota e así llo plantexamos as entidades, a idea de facer un curso para o coidado de persoas maiores porque ao mellor non hai un centro de día e isto non depende de nós, pero si poderíase ofrecer a formación para nun futuro poder ter, por exemplo, unha bolsa con xente disposta e capacitada para ofrecer ese traballo a outros socios en días que o precisen. Noutras zonas sabemos que hai cooperativas leiteiras nas que se fai algo similar. Parécenos interesante porque as cooperativas somos empresas, pero también temos unha faceta social e é importante darlle servizos aos socios.
E logo está a cuestión de quen é nai e isto pode entrar en conflito
Cada un viven unhas circunstancias diferentes e depende moito de se se desenrolan outras actividades. No meu caso, teño un traballo adicional co cal dispoño de menos tempo a nivel persoal, pero creo que querendo facelo é posible. Tamén depende da motivación e do que che aporte estar nun cargo así porque está claro que hai prioridades e non queres relegar a túa familia e aos teus fillos, pero é moi importante o tema da corresponsabilidade.
Eu non me arrepinto, hai que organizarse e tamén pensar as cousas que che enriquecen. A miña familia é monoparental, teño un fillo de 15 años e traballo como mestra en Salceda de Caselas, así que vou e veño. Logo temos a explotación en Meis e agora axudo na labor das viñas cando podo. A verdade é que o que che falta é un pouco de tempo para ti porque non llo queres roubar á familiar, pero penso que se pode compatibilizar todo. Tamén é certo que distinto é falar de bebés ou nenos de curta idade. Históricamente atopamos moitas trabas e non debemos ser nós mesmas as que nolas poñamos. É máis perder o medo e dar un paso adiante e saber que hai outras facetas da vida. Depende de nós.
Como está o relevo xeneracional no campo respecto as mulleres, hai mozas interesadas na actividade?
Hai un problema social que non é cuestión de sexos. A maioría dos socios son xente dunha idade e sucede dalgún que quere deixalo e non ten relevo. Non resulta atractivo porque falamos de minifundios e para adicarte a isto tes que ter certa extensión. Antes a xente o tiña como un complemento e hoxe hai que profesionalizarse. Con todo, hai mozos que quedaron sen traballo na construción ou noutros ámbitos e que o enfocan como unha saída laboral, collendo fincas en aluguer, por exemplo.




















