
O rei da selva pásase ao galego. Despois de triunfar en escenarios de todo o mundo nos idiomas máis diversos, o musical “O Rei León” terá tamén versión na lingua de Castelao. Estréase este domingo en Portas, da man da escola de música e danza vilagarciana Coda, e coas entradas xa esgotadas dende hai días. A demanda foi tal que se fixo necesario programar unha segunda función. Simba, Mufasa e demais habitantes da sabana invadirán o escenario da Azucreira a partir das 16:30 horas e repetirán ás 18:30. Arredor de 670 persoas presenciarán o espectáculo, que “foi unha aposta forte da concelleira de Cultura. Nunca pensamos que tería tanto éxito”, indica o alcalde, Roberto Vázquez, que onte compareceu xunto a varios integrantes da escola Coda e a edil Mónica García. Esta última destaca que é moi difícil ver repletas as butacas do Auditorio, salvo en casos puntuais como festivais escolares ou o Entroido, de aí que o dobre cheo do domingo cobre se cabe máis relevancia.
Esta gran acollida do público non é algo novo para os protagonistas do musical. Xa están acostumados tralo seu exitoso paso por Cuntis ou Catoira, onde tamén tiveron que ampliar funcións e, aínda así, houbo xente que quedou coa mel nos beizos. Moitas destas persoas recalarán o domingo en Portas para, desta volta si, deixarse engaiolar por un espectáculo que combina teatro e música en directo.
Doce solistas, uns trinta coristas e unha ducia de nenos son parte do elenco de “O Rei León. A vida na sabana é así”, unha adaptación pensada para recintos nos que “a conexión co público é máis directa”. Esta é para a directora artística, Olaya Bouzas, unha das claves do éxito. Ademais, “xogamos coa ventaxa de que, en paralelo, se está a representar o musical en Madrid”. Xunto a Olaya Bouzas estiveron onte en Portas a codirectora da escola, Chus Ferreira; o productor executivo, Alberto Busto; e un dos solistas con máis peso sobre o escenario, Iván Rodríguez, que interpreta o personaxe de Simba. Todos eles terán ante si o domingo “un reto”: as súas primeiras actuacións en galego, unha lingua que “se presta mellor do que pensabamos”, aínda que “para nós será máis difícil, sobre todo pola fonética. Xa estabamos acostumados a cantar en castelán”, explica Olaya Bouzas. A directora artística sinala que esta nova adaptación beberá da “retranca” galega e incluirá “elementos tradicionais” da nosa terra e cultura.






















