
A Mesa das Verbas reúnese unha vez máis este venres ás 21 horas no Liceo despois do parón das festas de Nadal. A cita terá un sentir un tanto especial, dado que haberá unha pequena lembranza e homenaxe para o intelectual vilagarcián finado recentemente, Gonzalo Bouza-Brey. Os seus compañeiros amantes das letras e, en concreto, da poesía, recordarán algunhas das súas obras para que, alomenos a súa figura literaria, continúe viva na memoria dos seus contemporáneos e tamén nas xeracións futuras.
A Mesa das Verbas é unha oportunidade para todos aqueles artistas literarios que non teñen proxección a nivel xeral de dar a coñecer a súa obra. Tamén para os outros que aínda están empezando no mundo de xuntar letras con sentimento e que queiran expoñela ante compañeiros que teñen sensibilidade no mundo da poesía.
Ademais na cita, que funciona a modo de obradoiro de aprendizaxe para aqueles que non coñecen a técnica, tamén se poden adquirir algúns coñecementos para perfeccionar a forma de configurar e crear os versos e as rimas. A Mesa das Verbas leva xa uns anos de andaina na capital arousá cun dilatado éxito de público levando algunhas das súas creacións incluso a actos en plena rúa.






















