
O BNG do Salnés estará presente na concentración que mañá ás sete e media da tarde se celebrará nas inmediacións da Praza de Galicia para frear a sangría de desfiuzamentos no Estado. Esta medida de protesta está convocada pola Plataforma Stop Desahucios coa intención de que se adopten medidas lexislativas e sociais para impedir este drama social que moitas persoas están a sufrir.
O BNG sinalaba onte que “apoiamos as medidas de protesta da Plataforma que quere denunciar a lexislación hipotecaria inxusta e abusiva que antepón os dereitos de lucro das entidades financeiras ao dereito fundamental á vivenda e esixir responsabilidades políticas e penais no conxunto da banca etatal, a paralización dos procesos de desafiuzamento, a dación de pago con efecto retroactivo e a creación dun parqué de alugueiro social das vivendas incautadas pola banca”.
Os nacionalistas lembran que dende o seu grupo levan reclamando ante o Goberno do Estado, coa presentación de varias iniciativas no Congreso de los Diputados, que se proceda á modificación da Lei Hipotecaria para dar solución ao grave drama social dos desafiuzamentos por impago de hipotecas.
O Bloque recorda ademáis que moitos galegos están a sufrir este drama e que durante os seis primeiros meses do ano 2012 en Galicia téñense autorizado os desafiuzamentos de 3.000 vivendas e negocios por non poderlle pagar ao banco.
Neste senso os nacionalistas, ao igual que dende a Plataforma Stop Desahucios, esixen medidas urxentes e contundentes dado que consideran que os pasos que se teñen dado estes últimos meses non son suficientes para rematar con esta problemática social.
Cabe recordar que a Plataforma Stop Desahucios de Vilagarcía está en perfecta consonancia coa do outro lado da Ría de Arousa, coa do Barbanza, que se mobilizou hai unha semana.




















