Cambados - “Charlín non foi un erro, foi un exemplo de que no BNG, cando se erra, actúase en consecuencia”

Víctor Caamaño é o máis veterano dos cinco candidatos que pelexan pola Alcaldía. Será a terceira vez que este cambadés de 53 anos e mestre de Bioloxía no IES Francisco Asorey, concorra ás municipais. É un ecoloxista convencido e practicante e preséntase como un defensor do público e da transparencia que, de feito, centran o seu programa mediante a creación de consellos consultivos en todos os sectores. Na súa candidatura hai unha maioría de independentes, pero segundo el, isto amosa o talante aberto que, dende “sempre” caracterizou ao Bloque, “aínda que agora vese como algo innovador”, declara. De feito, lanza un aviso: “Ninguén vai inventar o asamblearismo máis alá do BNG”.
Nos plenos sempre amosa un talante dialogante, un ton calmo... Un pouco como a voz da conciencia. Séntese así?
Si, pero tamén sinto que a miña maneira de actuar é honesta e crible. Son unha persoa moi racional e digo o que sinto, pero pódese argumentar sen necesidade de alterarse. Hai que basearse na razón e non tanto nos sentimentos e comportamentos impulsivos.
A marcha do concelleiro Xaquín Charlín por chamar “Chochito de ouro” á vicepresidenta foi unha saída moi soada do Bloque, incluso a nivel nacional. Cre que se cometeu un erro á hora de elixilo?
Non, ademais é difícil prever as cousas. En todo caso, recoñeceu que non estivo acertado e tomou a decisión de dimitir. Era difícil combinar a actuación persoal e a de concelleiro, pero foi un exemplo a nivel Bloque: cando erras debes actuar en consecuencia. O traballo anterior e posterior á súa marcha na Corporación foi o mesmo.
Os seus rivais din que nestas eleccións hai dous BNG.
Na esquerda a xente elixe e ten capacidade de decisión, ao mellor non ocorre na dereita. Hai liberdade para plantexar outras opcións políticas e logo o cidadán deberá elixir, ver quen está sempre aí, traballando, e non só nestes 15 días de campaña. O Bloque ten moi marcada a súa liña de traballo e política dende hai 30 anos e somos a opción de esquerdas e nacionalista. Ademais, fixemos un traballo moi coherente e local, pero para un ámbito máis importante, é dicir, non só quero cambiar Cambados, quero cambiar a sociedade.
O panorama cambiou. Hai un descontento cos partidos tradicionais e, de feito, concorren como BNG- Asambleas Abertas... Isto vén un pouco obrigado por esta situación?
O BNG non é un partido tradicional, o son o PP e PSOE, pero esa etiqueta irreal interésalle a outros protagonistas políticos. Ninguén vai inventar o asamblearismo máis alá do Bloque e o das Asambleas Abertas é máis unha proxección cara ao exterior para, precisamente, mostrar o que levamos facendo dende sempre e que agora vese como algo innovador: sumar a todo o mundo. Eu son un gran exemplo: son portavoz e entrei como independente e o anterior tamén.
Como opositor tamén vén sufrindo retrasos na entrega de documentación municipal, pero nunca optou pola vía xudicial, por que?
A solución está na política, en que os cidadáns castiguen as inxustizas e os abusos de poder, como foi o caso do Pinal da Maza, nas urnas. Este foi un dos poucos casos nos que se acudiu á xustiza nos 30 anos de Bloque e porque foi unha inxustiza e ilegalidade o que se fixo, e esperamos que lle pase factura ao PP. É outra das diferenzas entre nós e o resto, é que tampouco temos capacidade económica nin persoal para este tipo de accións.
Tense sentido impotente ante a maioría absoluta do PP?
Non nos sentimos impotentes, nin frustrados, somos conscientes de que cando os populares teñen a maioría pasan o rodillo. Senón fora así, ao mellor desaparecías e pasarías de estar loitando e aínda así, temos un certo éxito. O noso labor fiscalizadora obriga ao PP a ter que fiar fino. Sabe que cando intente sobrepasar a lei, o BNG vai estar aí. Cambiar as cousas é factible, simplemente con facer unha xestión máis actual e democrática.
Que suporía para Cambados que volvese a haber un goberno nacionalista?
Cambiaría radicalmente en cuestións de transparencia. Somos o modelo do público e da participación. Este concello é medieval, presidencialista, cada vez que quero algo teño que falar co alcalde. A parte disto, consideramos que un Concello ten capacidade de loitar contra o paro, de ser un motor económico comarcal. Veríase un cambio visualmente moi interesante e a corto prazo, aínda que loxicamente, a boa xestión nótase ao cabo duns anos, para exemplo Pontevedra. Hai que cambiar o modelo do PP e temos a convición de que somos os adecuados para comezar de cero. n




















