Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

“¡Viva a República Independente de Vilaxoán!”

Vilaxoán demostra día tras día que a súa idiosincrasia é diferente e onte, ao pé da praia do Preguntoiro (acuñada como “Winter Beach”) confirmáronse como un dos pobos máis retranqueiros da comarca do Salnés. Ao fío da unha da tarde arredor un cento de vilaxoaneses participaban nunha comitiva que tiña como principal obxectivo izar a bandeira que os constitúe como Concello propio, esa autonomía que perderon hai cen anos cando foron fusionados con Vilagarcía e Carril. O de onte non foi un acto de insumisión, senón unha forma simpática (e tamén crítica) de inaugurar o Entroido e de conemorar á maneira vilaxoanesa o que eles denominan “A farsa do centenario. Cen anos de mentiras”.

Foron as guitarras e o acordeón dun grupo de amigos (ao puro estilo Vilaxoán canta) os que abriron a marcha da comitiva dende o centro social ata o arenal. Á cabeza, un ataúde que simbolizaba a morte do Concello, aló polo 2013 e a súa fusión cos “injleses” (que non ingleses) de Vilagarcía.

Xan Mariño exerceu daquel alcalde que leu o bando da fusión hai cen anos, lixeiramente modificado. “A fusión vainos facer ben, moi ben. Todo vai mellorar e veñen anos de esperanza. Imos a promover a industria da salazón e da conserva e incluso imos traer o AVE a Vilaxoán”, apuntou. Subido nunha caixa de cervexas a súa arenga foi aplaudida por un público entregado dende o minuto un. “Agora si que vai chegar o progreso de verdade porque, o máis importante, imos a falar inglés e imos a ser políglotas”. O alcalde improvisado fixo un repaso por aquelas cousas comprometidas que nunca chegaron a ser en Vilaxoán. “Imos ter unha chea de caixas de aforro, un ambulatorio e ata un hospital en Vilaxoán”, ironizaba.

A bandeira do Concello, a da República Independente, izouse no medio de aplausos e de cánticos variados. A festa só acababa de empezar. E é que, como din moitos, dálle aos de Vilaxoán música e eles mesmos montan a festa. Vítores de “Viva Vilaxoán” puxeron o punto final a un acto que rebosou, sobre todo, de risas, diversión e emoción.