Valoración da Festa do Marisco 2025
Antes de comenzar esta valoración e como sempre facemos, debemos agradecer a todas e todos os/as traballadores e funcionariado que puxeron todo o seu empeño en desenvolver a súa labor de forma eficaz. Mención especial á xente que organizou a festa gastronómica pola parte do Concello, que levaron o peso principal. Tamén agradecer ás asociacións e clubes que dun xeito ou outro foron partícipes organizando os diferentes eventos que se realizaron ó longo dos dez días de Festa
Dito esto e desde o ámbeto meramente político, no BNG cremos que esta festa 2025 seguiu o camiño das anteriores, a improvisación, a aposta pola masificación, a falla de ideas e a falta de planificación tanto na licitación dos postos como nos concertos resultou evidente.
Tan só unha semana antes non se sabía si a Festa contaría co polbo á feira ou non, as licitacións solventáronse con mínimo marxe, o que cada vez deixa mais claro que os postos deben xestionarse polo Concello, e nen sequera o novo sistema de forma de pago dos tickets e tan publicitada, chegou a tempo, esto por poñer varios exemplos. E claro, todo transcurreu como era previsto nestes casos: caos á caída da tarde nos días de maior afluencia, por mor da imprevisión das consecuencias dos concertos
Pero que se pode esperar se a visión do alcalde da Festa do Marisco limítase a que veñan grupos e grupos día e noite para comer, ir en catamarán e logo escoitar concertos e, a partires de aí medir o éxito da Festa somente na cantidade de racións vendidas? Que se pode esperar dunha festa organizada con tempo mínimo, sabendo que hai partes que se poden ir acordando moitos meses antes e outras terán que ser organizadas días antes, pero non todo á xunta, e sen acordar nin ter ouvidos abertos coas persoas e colectivos do propio sector que poideran aportar ideas e traballo?.
A improvisación e falta de planificación é o que ten, sempre van aparecer cabos soltos, erros que poden ser graves e imprevistos de difícil solución posterior.
Nin os peches dos concertos nin os da cafetería (por certo, sen café) foron ás horas indicadas nas licitacións, sobrepasaron horarios ampliamente, o que fixo que noites como a do sábado ás 3:30 da mañán (cafetería aínda aberta) se produxeran altercados con cadeiras e mesas voando e na que temos que dar grazas de que non houbera ningunha desgraza persoal. A esas horas facía tempo que a festa gastronómica rematara, mais eso non exime dunha responsabilidade de seguridade civil, esixible a quen mantiña o negocio aberto sen permiso e tamén a quen vendo o que pode acontecer coa multitude non dispón de Policía Local de noite.
O pior de todo: o alcalde estaba avisado, e polo tanto é directamente responsábel do que alí aconteceu. O ano pasado xa se deran episodios similares.
Cos concertos o mesmo, mala ubicación e ruido ensordecedor ata altas horas, un total desprezo da veciñanza en especial a do Corgo á que sí se lle dixo que se iba a reconsiderar non só o tema cafetería senón tamén os concertos, e que se viron agora traizoadas.
Xurde pois un dilema, como queremos que sexa a festa?, que buscamos coa festa?, comer e beber tan só? Que veña a xente a moreas sen control? Se é así témolo fácil: seguir co modelo actual, moita comida e de noite moita bebida. Ir ó doado, que non haixa que traballar demasiado, deixar en mans dunha empresa que nos cobra 16.000€ os concertos nos que empregamos 175.000€. E logo deixar que as asociacións realicen os eventos. O medianamente complicado... o externalizamos. Esa é a festa que nos deixa o Sr. Cacabelos ano tras ano.
Mais hai outra forma de facer as cousas, desde o BNG propoñemos darlle unha volta, en algúns casos de retorno e noutros de imaxinación. Porque, que costaría situar os concertos en outro lugar máis distante e axustar o orzamento para emplealo en exposicións ó aire libre, por exemplo tipos de dornas ou da vida e historia do noso pobo cos seus paneles informativos, todo ben instalado fora e/ou dentro de carpa?, que costaría recrear ou levar exposicións de cociña ou de fotografía mariñeira?, que costaría multiplicar os grupos de animación non só polas carpas senón por todo o pobo?, acaso non poderían ofrecerse concertos da nosa recente Banda de Música de O Grove non só de noite senón de mañán e tarde para diversos públicos e lugares?. Non se debería animar non só o recinto festivo senón o pobo e barrios en xeral durante as horas do día? Acaso sería tan complexo recuperar o día de Portugal que tan bo sabor de boca deixaba cando se facía ou retomar o concurso de escaparates ou devolver o simposio de escultura ou organizar un de pintura ou de linguaxe mariñeira retranqueira e outras ideas que seguro terían cabida?
A organización da Festa debe facerse en canto remata a anterior e debe facela unha agrupación de persoas que representen os diversos eidos relacionados co mar, que aporten ideas e que o Concello as desenvolva, xa existeu, chamábase Patronato.
A Festa débese recuperar para a xente, e eso é o que faremos de ter responsabilidade.
Mentras tanto a esperar que un día non haixa unha desgraza ou que a imprevisión nos chafe a ledicia duns días que deberían ir máis alá de ser considerada únicamente festa gastronómica con concertos para a prolongación de tempada, para ser de novo a nosa Festa do Marisco de toda a vida.
Consello Local do
BNG de Ogrobe