A terra por gañar
A celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, cada 5 de xuño, é unha das poucas datas capaces de lembrar ao conxunto da sociedade que o planeta non dispón de marxe infinita. A crise climática avanza cara a un punto de non retorno e os indicadores científi cos alertan da superación inminente do límite crítico de quecemento global. Esta xornada, auspiciada polas Nacións Unidas, non é un ritual simbólico nin unha efeméride amable: é unha chamada á responsabilidade pública e institucional fronte ás grandes eivas ambientais que ameazan a estabilidade do mundo. A contaminación, a perda de biodiversidade, a degradación dos ecosistemas e a desigualdade climática conforman unha crise múltiple e diversa que esixe decisións valentes, planificación territorial e políticas que non se limiten a proclamas internacionais sen tradución real nos territorios.
Neste contexto global, Galiza sitúase nun lugar singular, onde a memoria ecoloxista acumulada ao longo de cinco décadas ofrece unha lección de resistencia e aprendizaxe colectiva. O cincuentenario do movemento ecoloxista organizado no país, simbolizado pola traxectoria de ADEGA, unha asociación histórica que marcou o rumbo da defensa ambiental, permite comprender que a loita polo territorio non naceu da moda nin da oportunidade, senón dunha necesidade vital. O documental “A Terra por gañar” recolle esa historia de maneira precisa: desde a oposición inicial ás agresións industriais dos anos setenta ata a denuncia dos vertidos radioactivos, a contestación fronte a proxectos nucleares e a defensa activa fronte á expansión de industrias contaminantes.
Co paso do tempo, os conflitos mudaron de forma pero non de fondo. A megaminería, a presión eólica sen regular, a perda acelerada de biodiversidade ou o risco dun “crecemento verde” mal planifi cado amosan que a transición enerxética non pode servir de pretexto para reproducir vellas lóxicas extractivas. O que está en xogo non é só a ordenación do territorio, senón a capacidade de garantir un futuro habitábel para as xeracións vindeiras. Por iso resulta tan relevante a xornada recentemente celebrada polo Consello da Cultura Galega en colaboración con este movemento ecoloxista, onde especialistas de diferentes ámbitos analizaron a evolución desta traxectoria colectiva. As reflexións compartidas permitiron trazar unha liña clara: da mobilización reactiva pasouse á incidencia nas políticas públicas; da denuncia puntual á construción dun tecido social sólido; da intuición inicial ao rigor da ciencia cidadá e da educación ambiental; da resistencia illada á articulación dunha visión multidisciplinar que integra comunidade, territorio e institucións.
A coincidencia entre esta xornada e a conmemoración internacional do 5 de xuño subliña unha verdade esencial: os grandes acordos globais carecen de sentido se non se sosteñen en comunidades locais activas, informadas e comprometidas. A defensa do territorio é a primeira fronte da loita climática. A Terra por gañar non é só o título dun documental nin a síntese dunha memoria colectiva: é unha advertencia e unha esperanza. Advertencia, porque o tempo é limitado e as decisións que se adopten hoxe condicionarán a vida das próximas décadas. Esperanza, porque a historia galega demostra que a cidadanía organizada é capaz de transformar o imposible en posíbel.
