Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Hai territorios que condensan a súa historia en datas que funcionan como chaves simbólicas. Non importa tanto o detalle dos feitos como a capacidade deses días para fixar unha idea de liberdade ou de esperanza colectiva. Son datas que se converten en rótulos de rúas, prazas e pontes; que dan nome a escolas, avenidas ou centros culturais; que se celebran cada ano como unha festa cívica e que, co paso do tempo, acaban por constituír un código compartido da identidade dun pobo.

O 25 de abril portugués é un exemplo paradigmático. A “Revolución dos caraveis” non só puxo fin á ditadura, senón que instalou no imaxinario colectivo unha narrativa de emancipación pacífica, protagonizada por militares que responderon ao clamor popular. Medio século despois, o 25 de abril segue a ser unha das datas máis celebradas de Portugal: símbolo de dignidade democrática, de participación cidadá e de confianza nun futuro mellor. A súa forza reside en que non é só un acontecemento histórico, senón un relato compartido que continúa a inspirar xeracións.

Nós, galegas e galegos, tamén temos unha data de abril que fala de liberdade, aínda que non figure no calendario oficial nin teña recoñecemento institucional amplo. O 26 de abril de 1846 marca o fusilamento en Carral dos oficiais da Revolución galega liderada polo coronel Miguel Solís. Aquel levantamento, iniciado o 2 de abril en Lugo, non foi un simple episodio militar: representou o primeiro gran fito do provincialismo, a etapa inicial do que hoxe recoñecemos como nacionalismo galego. A “Xunta Superior do Goberno de Galicia” denunciaba a marxinación política e fiscal do país e reivindicaba a súa dignidade como suxeito político diferenciado fronte ao centralismo madrileño.

Tras perder na batalla de Cacheiras, entregáronse baixo promesa de vida, mais un xuízo fraudulento condenounos. O 26 de abril foron fusilados en Carral á procura de escarmentar aquel movemento que foi xermolo dunha conciencia política nova. Un monumento de 1904 converteu aquel lugar de execución nun espazo de afirmación colectiva no que, cada ano, renóvase a dignidade común.

A lectura máis profunda deste episodio atopámola en “Abril de lume e ferro”, obra teatral de Manuel María. O autor chairego interpreta a revolta non como un xesto militar illado, senón como unha expresión da vontade popular de existir politicamente. A súa visión indica que a derrota física non impediu a vitoria moral: “o sangue como semente de liberdade” que agroma no tempo.

Hoxe, esa continuidade simbólica reflíctese tamén no Premio Mártires de Carral. Nesta edición recoñécese a traxectoria de Xesús Santos polo seu labor constante ao servizo da cultura galega e pola súa dedicación á transmisión da memoria histórica ás novas xeracións. Un galardón que reforza a idea de que a liberdade tamén se constrúe desde a cultura e desde o compromiso cívico.

Acolá e aquí, foron militares, ligados ás súas xentes, quen interpretaron o sentir popular e actuaron en consecuencia. Mais a liberdade nunca está garantida. A débeda ética con quen asumiu riscos —no caso galego, ata entregar a vida— obriga a continuar a misión iniciada: preservar os avances logrados e manter viva a idea de que abril, en calquera das súas datas, segue a sinalar futuro.