Tempus Nullius
O vello dereito internacional, ese compendio de xustificacións elegantes para a barbarie, acuñou o concepto de Terra Nullius para lexitimar a apropiación indebida de xeografías alleas. Bastaba con decretar que un territorio estaba baleiro de civilización para cravar a bandeira e comezar o saqueo. Porén, na actualidade líquida, o imperialismo refinou a súa metodoloxía. Xa non se require un espazo baleiro, senón un tempo baleiro, un “tempus nullius”. Lapso suspendido onde a verdade queda en barbeito e a maquinaria de manufactura do consenso, tal e como a teorizaron Lippmann ou Chomsky, comeza a operar a todo gas para encher o baleiro informativo cun relato á medida.
A socioloxía do poder ensina que a realidade non é un feito obxectivo, senón unha construción social. As grandes potencias, conscientes deste principio, abandonaron a brutalidade explícita en favor da enxeñaría narrativa. Antes de operar con exércitos, desprégase a artillaría semántica. O obxectivo é a creación dun “outro” ameazante, un inimigo conveniente que xustifique a intervención salvadora. Mediante a técnica dos marcos ou encadre, selecciónanse coidadosamente os aspectos da realidade que serán resaltados e omítense aqueles que contraviñan o guión preestablecido. A vítima convértese en agresor e o agresor transfigúrase en garante da liberdade global.
Curioso é ver a precisión cirúrxica coa que se manipula o léxico. As invasións son operacións de mantemento da paz, o espolio de recursos naturais é cooperación económica e os danos colaterais son estatísticas lamentables pero necesarias no altar do ben común. Trátase dunha simulación da política onde o guión está escrito nos despachos das multinacionais mercantís e a posta en escena realízase nos telexornais de máxima audiencia. A opinión pública, ese ente abstracto e orientable, é inducida a un estado de indignación controlada que valida calquera acción punitiva contra o territorio obxectivo, xeralmente rico en materias primas e pobre en sistemas de defensa antiaérea.
Neste escenario de ficción globalizada, Galiza non é unha illa. Dende o noso recuncho atlántico, participamos desta dinámica como espectadores privilexiados e, asemade, como destinatarios indirectos da farsa mundial. A nosa condición periférica non nos exime de formar parte da engrenaxe de lexitimación. A ironía suprema reside na crenza xeneralizada de habitar a era da información, cando en realidade transitamos á era da desinformación programada. A saturación de datos non produce coñecemento, senón ruído branco que oculta as verdadeiras motivacións xeopolíticas.
Fronte desta situación aldraxante, a cidadanía debe asumir a responsabilidade de descodificar as mensaxes, cuestionar a orixe das fontes e recoñecer as estratexias de manipulación que pretenden converter a mentira en verdade histórica. Só a través dunha consciencia crítica sobre a fraude das correntes informativas dominantes poderase aspirar a comprender a complexidade dun mundo onde a liberdade dos pobos cotiza á baixa no mercado de valores da xeopolítica internacional.
